Xurxo Souto e Lalo Carnota presentan “A Terra Queima” ao pé das pedras percebeiras da Coruña

Xurxo Souto e Lalo Carnota presentan “A Terra Queima” ao pé das pedras percebeiras da Coruña
 

No Campo de Marte, na biblioteca da Asociación de Veciñ@s Atochas Monte Alto, Xurxo Souto e Lalo Carnota presentan este sábado día 23 ás 19.30 “A Terra Queima”, un libro-cd no que as pedras percebeiras que rodean á Torre de Hércules séntense e contribúen a desenmarañar un enigma do que depende a salvación do mundo. 


A historia é de Xurxo Souto, a música de Lalo Carnota, Sesé Barreiro pon as ilustracións e a fotografía xurde da cámara de Xulio Rey. Das súas mans nace A Terra Queima (Xerais) un libro-CD no que todas as linguaxes conflúen para construír unha historia que se le e se escoita, que sabe a terra e mar e transmite a enerxía que agocha a natureza. 

Antón, un rapaz das Lagoas, é o protagonista que Xurxo Souto crea para achegar á rapaciada a unha historia de misterio, a resolver un enigma descomunal. Na aldea de seus avós, Lardeiros, un corvo de nome Roque pídelle axuda para atopar a solución a unha cuestión en aparencia complexa mais que ten as claves próximas, na contorna do mar que está á beira e que garda tantos misterios nos seus cons. Convida Xurxo Souto a visitar un roteiro singular, a través dunha ampla xeografía. O cerne estará na paisaxe que deseñan as pedras percebeiras que rodean á Torre de Hércules, todas con nomes sonoros, a Longuiña, O Grelle, Sogadoiro, As Eiras... que compre coñecer de querer atopar a solución ao crucial enigma. 

 O conto de Xurxo Souto ten banda sonora que bebe tamén dos sons do mar e a natureza. “As veces buscamos moi lonxe o que temos diante dos fociños”, dille a Antón o home mariño e esa é unha das leccións de A Terra Queima, o fascinio pola forza da natureza que nos rodea e a querenza polas nosas orixes. 

Desde Monte Alto

A idea nace de dous amigos de media vida de Monte Alto. Lalo Carnota teimou con Xurxo Souto para que o proxecto nacera e os dous móstranse contentos polo resultado, un relato con cancións e imaxes que achegará á rapaciada ao país, á maxia do lugar de onde somos, á potencia da natureza e a urxencia de querela e respectala. “Reivindicamos que temos aldea, un patrimonio marabilloso, e un entorno do que presumimos, reivindicamos tamén a Milucho Mariñas, un home sabio que coñece todas as pedras percebeiras”, sinala Xurxo Souto dun traballo no que podemos atopar claves de toda a súa traxectoria, o fascinio polo país, a querenza polo mar, a atención pola sabedoría popular e unha imaxinación que herda dunha tradición da que sempre se sentiu próximo. 

A Terra Queima ten xa corpo e aseméllase ao que o músico Lalo Carnota ideou hai máis de catro anos. Con el na man, como profesor, adiviña todas as posibilidades que pode dar nas aulas.”A natureza, o medio ambiente, é un dos temas claves. Os rapaces aprenderán a descubrir o que teñen próximo, e a valoralo e coido que a música e o relato contribuirán a que se acheguen a unha xeografía poderosa”, sinala, diante da primeira presentación dun proxecto co que leva tanto tempo soñando. 



x