CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Your name (Kimi no na wa)

Your name (Kimi no na wa)

Unha rapaza dunha pequena e un rapaz de Tokio intercambian os corpos durante a noite. Comezan a intercambiar notas para descubrir porqué lles está pasando iso. Un día deciden coñecerse en persoa. 


Interese máximo por ver o anime que pulverizou todos os récords de billeteira no Xapón, desbancando incluso A viaxe de Chihiro (2001, Hayao Miyazaki), o máis visto até a data. Que podería ter entón o filme de Makoto Shinkai para seducir desta maneira? Vaiamos por partes... Para empezar, Your Name é un anime romakome (comedia romántica) de corte shojo (temática dirixida a adolescentes), un dos xéneros máis consumidos por afeccionadas e afeccionados ao manga/anime.

Por se iso non bastara para atraer a milleiros de mozas e mozos ansiosos, a banda sonora vai da man dos Radwimps, unha boy-band de moda entre a mocidade xaponesa que soa repetidamente nos interludios musicais do filme, e hai uns cantos. Sumamos o boca orella pertinente dun público entusiasmado cunha historia que funciona coma un reloxo e que leva implícita a romántica lenda oriental do “fío vermello do destino”, e xa temos matizados os motivos principais de que se puxera no máis alto da billeteira nipona: logra captar á perfección o nicho de mercado adolescente e pre-adolescente, un dos grupos de idade que máis consume cinema no país do sol nacente.

Pero non todo é unha estudada campaña de marketing xa que, se ben non chega a superar en conxunto a obra mestra de Miyazaki, si estamos ante un filme de animación absolutamente brillante. A sinopse de Your Name, a priori, semella sinxela e, incluso, algo lixeira: unha moza dunha pequena vila intercambia o corpo cun mozo, ao que non coñece de nada e vive moi lonxe, na gran capital. Unha circunstancia que leva a unha chea de equívocos e malentendidos coas persoas do seu entorno, que resultan ser do “outro entorno”. Como a transformación non é perdurábel, deciden facer un pacto de “non agresión”, así que comezan a se comunicar por notas coas que marcan unhas estritas normas de comportamento para non arruinar as súas respectivas vidas sociais e familiares. Tras un tempo sufrindo este estraño fenómeno deciden ir na procura do outro...

E até aquí podo ler porque a partir de aquí é unha auténtica marabilla, tanto na intelixente narrativa coma nos impresionantes debuxos, verdadeiro arte en movemento. A historia en si pode rememorar, sobre todo a afeccionadas e afeccionados ao cinema oriental, a Siworae (2000, Lee Hyun-Seung) pero sobre todo a 5 centímetros por segundo, anime tamén de Makoto Shinkai que hai quen diría que se auto-plaxia ou, máis ben, se auto-homenaxea. Quen lembre aquela mítica serie titulada Ranma ½ agradecerá tamén que abunden certas brincadeiras pícaras na liña daquela, é dicir, brincadeiras recorrentes sobre a fisionomía humana, xa que hai o mesmo xogo de “mozo cambia corpo por moza” (e viceversa). Hai humor, drama, amizade, amor, suspense, acción, fantasía, ciencia-ficción e moita emoción nunha historia romántica intelixentemente trenzada (con fío vermello) que porá a proba a capacidade de atención para non nos perder nunha complexa, que non complicada, trama. Altamente recomendábel, e non só para mangakas. Con todo, semella que no noso país está a ter unha acollida máis ben tibia, en parte, por mor dunha exigua distribución en salas para un filme que merecía bastante máis. De feito xa hai quen está a iniciar unha campaña para lograr que se proxecte nun maior número de salas. Ao tempo, pero Your Name leva pinta de ser un dos sleepers do ano...

YOUR NAME

Kimi no na wa

(Xapón 2016, 106 min.)

Dirección e guión: Makoto Shinkai

Música: Radwimps

 



x