Andone ao resgate

Andone ao resgate
Sidnei, no momento de centrar o balón que cabecearía Andone para o 1-1
Sidnei, no momento de centrar o balón que cabecearía Andone para o 1-1  

Non nos enganemos: o mellor do Villarreal-Deportivo foi o resultado. E unha acción aillada, a do gol de Andone. O dianteiro romanés reivindicouse ao cabecear a gol un espléndido centro de Sidnei. A equipa de Cristóbal sae así dos postos de descenso.


O Deportivo vive no arame e a sensación que transmite é a de que en calquera momento se pode vir abaixo. Mais tamén é unha equipa con argumentos para resolver situacións cun golpe de xenio. Este domingo, na visita a un potente Viillarreal (embora lastrado polas baixas e a saída no mercado de inverno do seu futebolista franquicia, o goleador Bakambu), a equipa galega cazou no epílogo do match un valiosísimo ponto. Tan valioso que o afasta dos tres postos que conducen á segunda división. Ben, aí acaban as boas noticias. O que aconteceu antes dese minuto 84 -antes da enésima acción ofensiva de Sidnei a 70 metros da portería de Rubén- non foi precisamente para botar foguetes.

 

Cristóbal innovou cun trípode no meio centro constituído por Mosquera, Borges e Guilherme. Desativou así en parte a liña de criación dun Villarreal que na primeira metade apenas criou perigo. De acordo, mais ao tempo o Dépor renunciaba tamén a inventar en ataque, con Çolak desde o minuto 1 no banco dos suplentes. Durante ese período as únicas luces branquiazuis púxoas Adrián, cada día máis entonado fisicamente. Ao seu delicado pé une agora capacidade de desborde. Por aí veu todo o potencial ofensivo do combo galego.

 

Mais o Deportivo continúa a ser incapaz de disputar 90 minutos sen algunha lagoa de concentración. Sempre hai algún momento en que desliga do xogo. Na primeira metade aconteceu en dúas ocasións. As dúas co dianteiro turco Enes Ünal como ameaza para a portería de Rubén. A primeira malogrouna. A segunda xa foi outra historia e puxo o 1-0 no taboleiro de marcas.

 

O partido mudouno Emre Çolak co seu aparecimento na segunda metade, en troca dun desanxelado Carles Gil. A equipa comezou a criar futebol. Había un futebolista na medular con suficiente destreza para filtrar balóns ás costas dos centrais, para temporizar, para procurar ocos adversarios nos flancos. A verdade é que un Dépor con Çolak no banco de suplentes é sempre unha equipa máis previsíbel e, portanto, máis doada de conter. 

 

E logo está o inverosímil. Un defensa central deses que teñen desborde, físico e calidade para chegar a 30 metros da portería rival e pór un centro envenenado, un meio gol. Ese é Sidnei. Un galano que Andone non desaproveitou e converteu no 1-1. Un ponto que tira o Dépor do averno, mais que tampouco redime unha equipa que ten por diante aínda aprobar algunhas materias pendentes básicas se quer continuar na elite, entre elas a de non ceder goles por pura desatención.

 

Villarreal CF: Sergio Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Jaume Costa, Fornals, Rodrigo, Raba (Chuca, min. 76), Samu Castillejo (Cheryshev, min. 64), Bacca e Enes Ünal.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Sidnei, Albentosa, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Borja Valle, min. 78), Borges, Carles Gil (Emre Çolak, min. 60), Adrián (Bruno Gama, min. 85) e Andone.

Goles: 1-0 Enes Ünal (min. 30); 1-1 Andone (min. 84).

Árbitro: Medié Jiménez (c. catalán). Cartóns amarelos a Víctor Ruiz (min. 28), Álvaro (min. 54), Guilherme (min. 60), Luisinho (min. 72), Sidnei (min. 77), Bacca (min. 77) e Mario Gaspar (min. 77).

Incidencias: partido de la 18ª jornada de LaLiga disputado en el Estadio de la Cerámica ante 15.442 espectadores.



x