QUINTA DERROTA DO CAMPIONATO

Ao Dépor atráeo o abismo

Ao Dépor atráeo o abismo
Lucas protesta unha acción ao árbitro
Lucas protesta unha acción ao árbitro  

O Dépor é unha equipa que se resiste a ser feliz. Esta segunda feira podía sumar tres pontos face un rival tan directo como asequíbel -da súa liga, para entendérmonos- e afastarse da zona de perigo. Non foi quen. O fatalismo apareceuse en forma dun penalti imaxinario en contra. Restabelecida a igualdade con outra pena máxima fantasmagórica, a zaga branquiazul condenouse a si propia cunha nova mostra da súa vunerabilidade extrema.


O calendario era propicio esta temporada para o Deportivo selar un primeiro cuarto do curso con solvencia suficiente para pertrecharse con vistas a compromisos máis serios. Mais a realidade é que a equipa de Mel só foi quen de sumar 8 pontos en 9 partidos, após totalizar cinco derrotas. E aínda agardan a maior parte das escadras grandes por diante.

 

A visita do Girona deixou un toque de déjà vu. Houbo, si, máis tensión na equipa do que noutros xogos. Mais a sensación de fraxilidade estaba aí, desde Francis -coa eximente de que o xovencísimo gardamallas está en período de prácticas- a todas e cada unha das liñas da equipa, sen excepción. A defensa continúa a deixar ocos por toda a parte (no gol de Portu, Sidnei foi superado polo seu par e Luisinho non deu freado a chegada da punta catalán). O centro do campo apenas produce futebol de ataque, con dous medio-centros de carácter defensivo que se solapan en demasiadas ocasións. E arriba aínda estamos a agardar por que Lucas sexa Lucas.

 

Canto ao míster, continúa a tomar decisións tácticas máis que cuestionábeis. Valverde non se desempeña ben na banda. Albentosa é excesivamente lento para ser titular. Çolak debe estar sempre no campo, porque é case o único futebolista da equipa coa capacidade de filtrar un balón ás costas da defensa rival. Non acertou Mel cando o tirou do campo para colocar Andone. O troco máis indicado era o de Fede Cartabia, que desta volta non ofereceu a súa mellor versión.

 

En realidade, o problema é o estado de ánimo da equipa. Sempre dá a impresión de que se pode vir abaixo á menor contrariedade. E a impresión confírmase partido a partido. Non parece haber moitas máis opcións neste momento que dar un relevo ao titular da banqueta.

 

RC Deportivo: Francis, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Borges, Fede Cartabia (Bakkali, min. 76), Emre Çolak (Andone, min. 72), Fede Valverde (Adrián, min. 64) e Lucas.

Girona CF: Bono, Ramalho, Bernardo, Juanpe, Maffeo, Aday Benítez (Mojica, min. 79), Aleix García, Pere Pons (Granell, min. 59), Portu, Kayode e Borja García (Douglas Luiz, min. 59).

Goles: 0-1 Aday Benítez, de penalti (min. 25); 1-1 Lucas Pérez, de penalti (min. 51); 1-2 Portu (min. 71).

Árbitro: Gil Manzano (c. extremeño). Cartóns amarelos a Albentosa (min. 24), Pere Pons (min. 27), Ramalho (min. 50), Granell (min. 66), Aday Benítez (min. 69), Fede Cartabia (min. 76), Mojica (min. 80), Guilherme (min. 83), Aleix García (min. 90), Bernardo (min. 90+5) e Douglas Luiz (min. 90+6).

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada de liga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.584 espectadores.



x