O DÉPOR PERDE UNHA NOVA FINAL

Apupos e panos brancos nas bancadas na estrea de Seedorf

Apupos e panos brancos nas bancadas na estrea de Seedorf
Lucas, a piques de conectar unha cabezada con Adán xa batido
Lucas, a piques de conectar unha cabezada con Adán xa batido  

Non foi o pior partido, mais foi o resultado de sempre. 14 derrotas en 23 partidos condenan a calquera. O Betis chutou unha vez entre os tres paus. Gol, un tanto precedido dun groseiro erro defensivo, unha nova desatención de Albentosa. Seedorf mostrou tamén certas fraxilidades como estratega.


O Deportivo sabía que a posesión da bola ía ser do Betis, porque no dominio do passing game a escadra treinada por Quique Setién está entre as mellores do campionato. Por iso non se entende que Seedorf apostase por unha equipa inicial con tantos futebolistas de escaso nervo defensivo, con Adrián e Bakkali como máximos exponentes de xogadores aos que se lles exixen cousas (correr detrás do balón) para ás que non están dotados.

 

Con todo, Bakkali foi case o único argumento ofensivo da equipa durante o primeiro acto. Máis en concreto durante os minutos (unha hora de reloxo) que lle duraron as pernas. Súa foi a acción que estivo a piques de pór o Dépor en vantaxe no minuto 21, unha electrizante galopada por banda esquerda saldada cun lategazo con rosca que lambeu o pau esquerdo da portería de Adán, moi perto da escadra. Foi tamén Bakkali quen puxo un centro envenenado que acabaría atopando a cabeza de Adrián. Na súa viaxe a bola foi interceptada pola man dun defensor bético. Un penalti evidente. Un penalti non pitado.

 

Cando sofres demasiados goles parvos xa non se pode falar de má sorte. Cando sofres demasiados goles parvos o problema telo ti.

 

Mais o propietario da pelota continuou a ser o Betis. O Dépor só existía en ataque de cando en vez. Seedorf fiou toda a estratexia a non conceder ocasións e a acertar nalgunha das isoladas incursións ofensivas dos seus homes. E o certo é que o Betis apenas inquietou a portería de Rubén. E o certo é que o Dépor si tivo as súas ocasións de gol. Mais, como acostuma acontecer, Riazor viviu o enésimo gol parvo en contra da temporada. E cando sofres demasiados goles parvos xa non se pode falar de má sorte. Cando sofres demasiados goles parvos o problema (neste caso, unha desatención froito de exceso de confianza de Albentosa) telo ti.

 

O gol de Loren -por certo, un canteirán, o Betis aliñou tres xogadores procedentes das súas categorías inferiores- chegou no minuto 54. Faltaba un mundo por diante. O Dépor debía entón cambiar de partitura. Aí é cando Seedorf cometeu un erro grave. Estivo lento nos trocos. Acertou no de Bakkali por Cartabia (o belga estaba fundido), mais demorou de máis en retirar do verde Krohn-Delhi, minuto 77. E equivocouse de cheo a colocar no campo Pedro Mosquera, e non Çolak, o único futebolista disponíbel con capacidade criativa, con imaxinación para furar a aplicada defensa bética.

 

E con todo, o Dépor tivo as súas oportunidades. Un balón ao pau de Andone. Un remate lixeiramente cruzado de Borges. Certa sensación de que podía empatar en calquera momento. Talvez ese, o empate, tería sido o resultado máis xusto. Mais un ar de fatalidade parece perseguir unha equipa que perdeu os automatismos necesarios para competir, entre eles o de non perder a compostura cada vez que cedes un gol.

 

O pior, realmente, non é a clasificación. O Dépor continúa a tres pontos da salvación. O pior é o ar de fatalidade que paira sobre a equipa. O pior é a sensación de fraxilidade que transmite

 

O mellor Seedorf viuse ao remate do xogo, na sala de imprensa. Lanzou unha mensaxe motivadora. Puxo o acento en que a a equipa conseguira parte dos obxectivos (frear a produción ofensiva do Betis, manter as liñas bastante xuntas durante o partido, defender con intensidade) e apelou a que fican 15 partidos por diante.

 

O pior, realmente, non é a clasificación. O Dépor continúa a tres pontos da salvación. O pior é o ar de fatalidade que paira sobre a equipa. O pior é a sensación de fraxilidade que transmite. E o desgaste emocional, ao que non se viu substraida unha afeizón branquiazul que estalou -apupada monumental e panos brancos- á conclusión do choque, cos futebolistas do Dépor a aplaudiren desde o centro de campo. Unha imaxe certamente patética que encollía o corazón do seareiro máis curtido.

 

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Bóveda, Albentosa, Luisinho, Krohn-Dehli (Pedro Mosquera, min. 77), Fede Valverde (Borges, min. 18), Lucas, Adrián, Bakkali (Fede Cartabia, min. 61) e Andone.

Real Betis: Adán, Francis, Bartra, Jordi Amat, Mandi, Junior, Fabián, Guardado (Javi García, min. 83), Joaquín, Boudebouz (Tello, min. 64) e Loren (Sergio León, min. 74).

Gol: 0-1 Loren (min. 54).

Árbitro: Del Cerro Grande (c. madrileño). Cartóns amarelos a Bakkali (min. 43) e Albentosa (min. 65).

Incidencias: partido da 23ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 20.690 espectadores.



x