BNG leva unha moción ao palacio de María Pita para a reapertura da causa polo asasinato de Jimmy

BNG leva unha moción ao palacio de María Pita para a reapertura da causa polo asasinato de Jimmy
Unha faixa en memoria do seareiro deportivista
Unha faixa en memoria do seareiro deportivista  

O Bloque quer un respaldo institucional do concello da Coruña para o asasinato do seareiro deportivista non ficar impune.


No pleno da próxima segunda feira, a corporación coruñesa terá de se pronunciar perante unha moción do BNG a prol da reapertura da causa xudicial polo asasinato do riazor blues Francisco Javier Martínez Taboada Jimmy a mans de ultras fascistas do Frente Atlético.

A causa foi arquivada polo xuíz por non lle dar crédito nen ás pesquisas xudiciais nen a unha testemuña presencial do asasinato, que si apontaban a persoas responsábeis da morte violenta de Jimmy.

"Desde o BNG vemos con desolación como o último dos maxistrados que asumiu a instrución xudicial, contra o criterio dos investigadores policiais, decide arquivar o expediente baixo o argumento de que non se pode identificar os autores da morte de Jimmy, facendo caso omiso dos detallados informes policiais", afirma a formación soberanista a meio dun comunicado de imprensa. E engade: "Só podemos concluír ante tais argumentos que resulta patente a impunidade da que gozan a extrema dereita e os grupos neonazis no Estado español".

A formación nacionalista ve unha dupla vara de medir por parte da xustiza española na depuración das responsabilidades dos acontecimentos que resultaron no asasinato de Jimmy e no guindamento ao Manzanares doutro seareiro branquiazul. Non só se arquiva a causa polo homicidio, senón que aos blues envolvidos na rifa multitudinaria -en realidade todo indica que foi unha emboscada do Frente Atlético- se lles impuxeron multas por valor de 60.001 euros e a prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período de 5 anos.