DERROTA POLA MÍNIMA EN VALENCIA

O Celta compite contra os grandes

O Celta compite contra os grandes
Hugo Mallo acompaña o voo da bola
Hugo Mallo acompaña o voo da bola  

O Celta voltou a mostrar en Mestalla que é quen de competir coas escadras que lideran a competición. Após cazar un ponto no Camp Nou, a equipa de Unzué a piques estivo de repetir en Valencia. Se non o conseguiu en boa parte foi responsabilidade dos erros arbitrais.


Este Celta ten futebol e ten nervo, por tanto, é unha equipa competitiva e difícil de gañar. Deu fe hai días diso o Barça de Messi e este sábado tivo probas palpábeis do mesmo o Valencia de Marcelino, a equipa revelación do campionato.

 

O Celta non se agacha nos partidos grandes e non renuncia a ser o que é. Isto é, non plantexa o xogo en función do rival. É o Celta e ponto. En Mestalla isto traduciuse en boas doses de passing game, de futebol asociativo, de control da bola. Diríase que o local era o Celta e o visitante, o Valencia.

 

Por posesión o partido debería terse desequilibrado a prol dos galegos. O Valencia, aliás, deixou ver que a súa praza de segundo clasificado non é ningunha casualidade e, a partir de moi pouco, fabricou o 1-0 no taboleiro de marcas. O Celta abeirou o empate en varias xogadas, mais non foi quen de o conseguir antes do tempo do lecer.

 

Na segunda parte, a tónica foi a mesma. O Celta foi o Celta e Iago Aspas foi Iago Aspas. Un gol seu restabeleceu o equilibrio.

 

Daquela foi cando o factor arbitral se fixo presente. Após non considerar como puníbeis dúas faltas claras na área local, o árbitro decretou como penalti unha acción no mínimo dubidosa por parte da zaga viguesa. O gol conseguinte de Parejo resolveu o xogo.

 

En todo caso, o Celta mantivo a cabeza alta durante todo o partido e o seu depósito de moral está intacto a poucos días do noso derbi.

 

Valencia CF: Neto, Montoya, Paulista, Vezo, Gayá, Carlos Soler (Nacho Gil, min.61), Parejo, Kondogbia, Andreas Pereira (Maksimovic, min.89), Rodrigo (Santi Mina, min.66) e Zaza.

RC Celta: Rubén, Hugo Mallo, Cabral (Guidetti min.83), Fontás, Jonny, Lobotka, Tucu Hernández, Wass,  Aspas, Sisto (Emre Mor, min.82) e Maxi Gómez.

Goles: 1-0, min.28: Zaza; 1-1, min.46: Iago Aspas; 2-1, min.81: Parejo, de penalti.

Árbitro: Munuera Montero, do comité andaluz. Cartóns amarelos a Zaza, Kondogbia, Maxi Gómez, Iago Aspas, Fontás.

 

 

 



x