O Celta complícase

O Celta complícase
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

A equipa de gala dos celestes non foi quen de superar o Standard. O Celta xogarase o pase contra o Panathinaikos.


O Celta asumiu o partido contra o Standard como unha final que había que gañar e empatouna. Unha xerra de auga fría para os celestes e afección, que confiaban en conquerir o boleto de pase a dazaseisavos esta quinta feira en Balaídos. Agora, todo se decidirá en Atenas, contra o Panathinaikos. O Celta terá que gañar e facelo por máis goles dos que meta a equipa belga.

Mais estes cálculos que facemos agora semellaban moi lonxanos a comezos do encontro, sobre todo co gol temperá de Iago Aspas, minuto 8, cunha factura marca da casa ao coarse entre tres defensas. O Celta adiantábase e todo semellaba costa abaixo. A equipa de gala sobre o céspede e un gol de vantaxe nos primeiros compases do encontro. Porén, o previsíbel non aconteceu. Co gol o Celta cedeu metros e baixou o pistón, reducindo intensidade.

Os belgas apostaron en exercer presión e aproveitar a 'desconexión' celeste para intentar cortocircuitar as xogadas celestes. Non aforraron en faltas, mais o Celta non se daba atopado a si propio. Víao Berizzo desde o banco, onde pedía máis intensidade aos seus xogadores, que se metesen no partido.

O segundo gol non chegaba e o Standard comezaba a crer. Orlando Sá daba un aviso perigoso, que non foi gol grazas ao paradón de Rubén Blanco. O Celta tamén proxectaba ataques, sobre todo coa pulsión de 'Tucu' Hernández, mais estes non chegaban a callar. O que callou, e calou Balaídos, foi o gol dos belgas, a dez minutos do final. O empate facía xustiza.

Xa no tramo final, Aspas decidiu borrarse do partido. O cartón vermello impediralle estar en Atenas. Berizzo, porén, non quere derrotismos. “Isto non remata aquí. Imor ir a Grecia a gañar”.

Ficha técnica:

Celta (1): Rubén, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Jonny (Sergi Gómez, min.82), Marcelo Díaz (Radoja, min.61), Pablo Hernández, Wass (Rossi, min.83), Iago Aspas, Sisto, Guidetti.

Standard (1): Hubert, Raman (Badibanga, min.88), Scholz, Edmilson (Mbenza, min.62), Trebel, Fiore, Fai, Laifis, Cisse, Orlando Sá, Belfodil.

Goles: Iago Aspas, 1-0, min.8; Laifis, 1-1, min.80.

Árbitro: Benoit Bastien, de Francia. Cartóns a Orlando Sá, Belfodil, Fai (Standard). Expulsou Iago Aspas con duplo amarelo (min.94).

Campo: Balaídos (16.470 espectadores).