Un gran Celta deixa en cirolas as feblezas do Real Madrid

Un gran Celta deixa en cirolas as feblezas do Real Madrid
Wass, autor do primeiro gol celeste. Imaxe: RC Celta
Wass, autor do primeiro gol celeste. Imaxe: RC Celta  Foto: Celta

Empata contra o Real Madrid (2-2) nun gran encontro no que Aspas errou o seu primeiro penalti en Primeira división.


Non tiña o Celta un arranque de ano doado, con dúas citas exixentes sinaladas en vermello no calendario: o Barça na Copa e o Madrid na Liga, ambos os dous en Balaídos.  O Celta chegaba a estas citas co bálsamo de gañar #Onosoderbi mais tamén con certas dúbidas e interrogantes na afección sobre o xogo dos celestes. O peso da ‘Época Berizzo’ na memoria celeste aínda é grande.

 

Empatou co Barça a pasada quinta feira e empatou co Madrid este domingo. Contra a equipa ‘merengue’ a piques estivo de apañar os tres puntos e a vitoria mais desta volta a sorte non axudou e Iago Aspas erraba, por vez primeira na súa traxectoria na máxima categoría, un penalti.

 

O Celta optou por virar a súa tradicional aposta pola presión por agardar a aproveitar os hocos que se abrían no campo do Real Madrid. Con paciencia e intelixencia, foi tecendo ataques perante un Real Madrid que non é o Real Madrid de tan só hai uns meses, por moito que adestrador e xogadores sexan os mesmos. Inaugurou o marcador Was a pase de Aspas no minuto 32. Un ol que permitía soñar á bancada celeste mais que axiña Bale se encargou de apagar (en parte). No minuto 37 o Real Madrid gañaba por dous tantos a un.

 

Na segunda metade o Celta saltou pola vitoria e tivo unha das súas apostas fortes na banda dereita e un Jonny que xogou a un alto nivel. Enfronte, un Real Madrid conservador, a xogar a manter o resultado. O Celta intensificou os ataques sobre a área rival e finalmente tivo o seu premio. Maxi Gómez marcaba a falla de dez minutos para o final. O Celta volvía, máis unha vez, ‘tutear’ un dos xigantes do fútbol mundial.

 

Ficha técnica

Celta (2): Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja (Lobotka, min. 71), Wass (Jozabed, min. 90), Pablo Hernández; Iago Aspas, Maxi Gómez, Pione Sisto (Emre Mor, min. 71).

Real Madrid (2): Keylor Navas; Achraf, Varane, Nacho, Marcelo; Casemiro, Kroos, Modric (Lucas Vázquez, min. 76), Isco (Kovacic, min. 76); Cristiano Ronaldo, Bale (Marco Asensio, min. 81).

Goles: Wass (1-0, min.33); Bale (1-1, min.35); Bale (1-2, min.38); Maxi Gómez (2-2, min.82).

Árbitro: Jaime Latre, do comité aragonés. Amoestou Hugo Mallo (Celta); Casemiro e Navas (R.Madrid).

Campo: Balaídos (20.872 espectadores).

 



x