O Celta encaixa unha 'manciña' ás portas dunha semana crucial

O Celta encaixa unha 'manciña' ás portas dunha semana crucial
Imaxe: La Liga
Imaxe: La Liga  

O Villareal marca cinco goles a un Celta sen intensidade que a quinta feira recebe Ajax e o domingo o Dépor.


“Unha das miñas peores noites”. A frase de Berizzo após a goleada que este domingo lle endosou o Villareal ao Celta resume ás claras o que foi o partido. Unha 'manciña', cinco goles que foron caendo un tras outro perante un Celta que pagou caro a falla de intensidade. Ben é certo que os goles comezaron cedo e os celestes perdían dous cero cando tan só transcorreran 11 minutos de encontro.

O Celta chegaba ao Madrigal en racha: catro vitorias seguidas e seis partidos sen perder. Enfronte, o Vilareal, un deses rivais máis que difíciles e que gosta, ao igual que o Celta, por un fútbol elaborado. Foron contundetes os do 'submarino amarelo' e non desaproveitaron ningunha oportunidade para marcar.

Cando ía perdendo dous a cero o Celta tentou ordenar o partido e recuperar o dominio da bola, mesmo con algunha chegada con perigo. Mais unha perda de balón no minuto 38 propiciou o contragolpe amarelo e gol de Bakambu. Cun 3-0 ao lombo, o Celta colleu camiño dos vestiarios. O inicio da segunda metade non serviu para mellorar as cousas. Saque de esquina aos dous minutos e gol en propia porta de Wass.

Berizzo chamou nada máis finalizar o encontro a deixar atrás este partido e concienciarse das citas que lles agardan esta mesma semana e que son para tirar o hipo: a quinta feira chega o Ajax. E o domingo, 'O noso derbi', contra o Deportivo.

Ficha

Villarrea (5): Asenjo, Mario, Jaume Costa, Trigueros, Álvaro González, Ruiz, Samu Castillejo, Bruno (Rodrigo, min.81), Sansone (Pato, min.72), Bakambu (Dos Santos, min.64) e Soriano.

Celta (0): Sergio; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Cabral, Jonny; Radoja, Wass (Señé, min.72), Orellana; Pione Sisto (Pape, min.51), Bongonda e Aspas (Rossi, min.57).

Goles: 1-0, min.8: Roberto Soriano; 2-0, min 11: Roberto Soriano; 3-0, min. 37: Bakambu; 4-0, min.48: Wass, en propia porta; 5-0, min 93: Trigueros

Árbitro: Estrada Fernández, do comité catalán. Amonestou a Álvaro, Iago Aspas, Orellana, Pape, Wass. Expulsou con duplo cartón amarelo a Sergi Gómez (86').