ENFRONTARASE EN SEMIFINAIS CO MANCHESTER UNITED

O Celta mantén vivo o soño

O Celta mantén vivo o soño
Imaxe: Celta
Imaxe: Celta  

Clasifícase por primeira vez na súa historia para unhas semifinais europeas após un sufrido empate co Genk. Enfrontarase co Manchester United de Mourinho. O primeiro partido, en Vigo, o 4 de maio. A volta en Old Traffor, o 11.


O Celta clasificouse para semifinais da Europa League, un paso de xigante na historia celeste, onde nunca se lograra pasar de cuartos finais nunha competición europea. Logrouno da man de Berizzo, nunha competida eliminatoria co Genk e con catro canteiráns sobre o céspede belga.

O Celta chegaba con vantaxe ao Luminus Arena (3-2 en Balaídos), mais consciente de que ese resultado non permitía nin especulacións nin opcións conservadoras. Había que saír a polo partido. Enfronte, os belgas non tiñan outra que facer o mesmo, polo que o partido xa se prevía electrizante. O Genk enchufou os primeiros minutos de encontro, con decisión e perigo. Mais o Celta axiña deu resposta nun remate de Pione Sisto que marchou desviado por pouco.

Os celestes sufrían cando tiñan que defender sen balón e os belgas centraban a súa aposta nas xogadas a balón parado. O Celta nunca desesperou. Tentaba manter a bola e tecer xogadas de ataque. O premio chegou xa na segunda parte, cun golazo de Sisto que estendeu a tolería entre o celtismo e acalou os seareiros belgas. Mais o Genk non é óso doado de roer e amosouno. Catro minutos despois empataba grazas a unha perda de balón na defensa celeste.

A partir de aí o Celta sufriu. Foron os seus peores momentos, cun Genk atacando e sen acabar os celestes de aproveitar para armar as contras. Sufriu mais non se rendeu. O premio, o paso por primeira vez na súa historia a semifinais europeas.

Ficha técnica

1 (3)-Genk: Ryan, Brabec (Dewaest, min.81), Colley, Trossard, Malinovskyi (Boëtius, min.72), Buffel (Schrijvers, min.72), Uronen, Pozuelo, Berge, Castagne, Samatta.

1 (4)-Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Radoja, Pablo Hdez., Wass (Jozabed, min.80), Iago Aspas, Sisto, Guidetti (Beauvue, min.42; Roncaglia, min.90).

 Goles: Sisto, 0-1, min.63; Trossard, 1-1, min.67.

 Árbitro: William Collum, de Escocia. Amoestou a Dewaest (Genk); Pablo Hdez., Jozabed, Hugo Mallo (Celta).



x