O CELTA, A POLA PROEZA NO CAMP NOU

A versión B do Barça continúa a ser moito Barça

A versión B do Barça continúa a ser moito Barça
Momento en que Sisto vai impactar a bola na acción que se transformaría no 1-1 final
Momento en que Sisto vai impactar a bola na acción que se transformaría no 1-1 final  

Chegou o Barcelona coa versión B a Balaídos -sen sombra de Messi nen Iniesta nen Luis Suárez-, mais non hai Barça mao. O Celta pelexou até a extenuación, porén só arrincou un empate. De todos xeitos, coa versión A ou B do Barça sobre o campo, a eliminatoria aínda non está resolvida.


En liga, no Camp Nou, só unha equipa foi quen de puntuar no presente exercicio 2017/2018. Foi o Celta de Unzué e Iago Aspas. Faría mal o Barcelona en se relaxar após o valioso empate colleitado esta quinta feira cunha equipa inzada de suplentes. O Celta interpreta á perfección a arte do contra-golpe e é moi quen de dar un susto dentro dunha semana no feudo blaugrana. En liga foi quen de o facer, e con Messi e demais estrelas sobre o relvado.

 

Coa versión A ou B, o Barça é sempre o dono da bola. De acordo, mais o Celta tampouco descoñece o bon trato do balón. Demostrárono tipos como Wass, Aspas ou Emre Mor nos poucos minutos en que este estivo sobre o campo (o turco, en canto acade a plena forma física, aponta para xogador grande). As eliminatorias de Copa son partidos a 180 minutos, así que ningunha das dúas equipas quiemou en Balaídos todas as naves. En algúns momentos o ritmo de xogo foi até lento, ao Barça xa lle ía ben e o Celta -após encaixar excesivamente cedo o 0-1- tampouco quixo ir ás tolas a polo empate e deixar desguarnecida a portería de Sergio.

 

Apareceu daquela, mais unha vez, Aspas, para colocar unha bola na trabe da baliza rival. E apareceu Sisto para, oportuno, cazar o rexeitamento e anotar o gol local cun disparo sen demasiado ángulo.

 

A partir daí, o Barça foi o Barça e o Celta foi o Celta, o que significa que a equipa viguesa practicou unha presión alta até o último instante e procurou sempre a elaboración a partir das botas de Aspas e, desde o minuto 67 en que ingresou no campo, do sempre exquisito Emre Mor, a quen, excesivamente cruzada, se lle foi fóra unha boa bola de gol perante Cilessen.

 

Asinadas as táboas, nunha semana o Camp Nou ditará sentenza. De se repetir o resultado da liga (2-2) pasaría o Celta.

 

Celta: Sergio, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Fontàs, Jonny (Roncaglia, min.81), Lobotka, Jozabed, Wass (Brais Méndez, min.67), Iago Aspas, Sisto (Emre Mor, min.67), Maxi Gómez.

Barcelona: Cillessen, Semedo, Piqué, Vermaelen, Digne, Busquets, André Gomes, Denis Suárez, Paulinho (Rakitic, min.71), Aleix Vidal (Sergi Roberto, min.75), Arnáiz (Dembélé, min.71).

Goles: Arnáiz (min.15, 0-1); Sisto (min.31, 1-1).

Árbitro: Martínez Munuera, do comité valencián. Cartóns amarelos para Fontàs (Celta) e André Gomes (Barça).

Campo: Balaídos. 21.338 espectadores.



x