O Celta, a poñer o ramo en Bélxica

O Celta, a poñer o ramo en Bélxica
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

Vitoria mínima (3-2) dos celestes nun partido de aberto no que non puideron sentenciar cando tiveron a oportunidade.


O Celta terá que poñer o casco e funda de traballo en Bélxica se quere certificar o pase a semifinais europeas fronte ao Genk. O propio Toto Berizzo unha vez finalizado o encontro advertiu que a volta non ía ser doada, que ía que haber que dar a batalla e non confiarse. O Celta gañou o encontro en Balaídos (3-2), remontando o tanto inicial dos belgas e encaixando o segundo nun erro defensivo e cando procuraba o cuarto. Ía polo 4-1 e recibiu o 3-2. Porén, esta vantaxe mínima é ouro nun equipo, o Celta, que nesta tempada europea está a amosar ser moi perigoso como visitante, algo do que o Genk de certo que tamén tomará nota.

Comezaron adiantándose os belgas cando apenas se levaban dez minutos de encontro. Non se derramou o Celta por esta adversidade, asumindo que a resposta tiña que dala en breve, e así o fixo. Só 4 minutos despois do gol de Boëtius, Sisto –que fixo un partido impagábel- empataba para o Celta a pase de calcañar de Guidetti. Sen apenas dar tempo aos belgas para se recompoñer, Iago Aspas metía o segundo, remontando o partido. O Celta sabía que era o seu momento e meteu máis unha marcha na aposta ofensiva, chegando o terceiro gol, obra de Guidetti.

Na segunda metade, o Celta tentou ampliar a vantaxe mais enfronte, o Genk nunca deixou de dar a cara nin baixou os brazos. As súas chegadas á área celeste amosaban a febleza desta liña céltica e creaban perigo. O Celta xeraba ocasións mais non era quen de que callasen nun gol. Algo que si fixo o Genk no minuto 61 aproveitando unha falta de entendemento entre defensa e porteiro celestes.

Ficha técnica

Celta (3): Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Radoja, Pablo Hdez., Wass (Jozabed, min.78), Iago Aspas, Sisto, Guidetti (Beauvue, min.66).

 Genk (2): Ryan, Castagne, Brabec, Colley, Uronen, Malinovskiy (Heynen, min.92), Pozuelo, Berge, Trossard (Schrijvers, min.82), Samatta, Boëtius (Buffel, min.61).

 Goles: Boëtius, min.10, 0-1; Sisto, min.14, 1-1; Iago Aspas, min.17, 2-1; Guidetti, min.38, 3-1; Buffel, min.67, 3-2.

 Árbitro: Clément Turpin, de Francia. Amoestou Castagne, Trossard, Schrijvers (Genk).



x