O Celta só comparece nos últimos 20 minutos perante o Espanyol (2-1)

O Celta só comparece nos últimos 20 minutos perante o Espanyol (2-1)

A peor versión dos celestes protagonizou a primeira metade e parte da segunda no RCDE Stadium. A reacción final non serviu para dar a volta a un partido no que os pericos se adiantaron cun gol en fóra de xogo.


A vitoria da semana pasada perante o Alavés elevou a moral da tropa celtista, que entendeu os tres puntos logrados fronte aos vascos coma a fin do mal arranque de tempada (dúas derrotas consecutivas) e o inicio dunha escalada na táboa. Mais a derrota esta segunda feira fronte ao Espanyol supón unha xerra de auga fría para as ilusións celestes. Non só pola derrota (2-1) senón tamén por como se perdeu.

 

O Celta amosou sobre o céspede a súa peor versión durante a primeira metade do encontro e boa parte da segunda. Frouxo en defensa, inseguro e sen ideas no medio do campo e sen tiro nas escasas ocasións que tivo. Que o Espanyol marcase cedo, minuto 10, e de gol en fóra de xogo non axuda, certo, mais tampouco pode ser desculpa.

 

Houbo que agardar á saída ao campo de Tucu para que o Celta collese parte do brillo que tiña nestas tempadas pasadas e que callou no gol que marcou Pione Sisto cando faltaban 20 minutos para acabar o partido. A escuadra celeste intentou entón remontar e tirou cara arriba, tentando acosar Pau López, mais non puido marcar

 

O propio Unzué recoñeceu que o Celta “non xogou ben” e que lle “falta precisión” mais tamén destacou a reacción final da súa equipa e considera que lles “faltou tempo” para remontar.

Ficha

Espanyol (2): Pau López, Víctor Sánchez, David López, Hermoso, Aarón, Jurado, Darder (Diop, min.83), Javi Fuego (Roca, min.75), Piatt (Sergio García, min.62), Gerard Moreno e Baptistao.

 Celta (1): Sergio, Hugo Mallo (Hjulsager, min.82), Cabral, Fontás, Jonny, Lobotka, Wass, Jozabed (Tucu Hernández, min.59), Iago Aspas, Sisto (Mor, min.72) e Maxi Gómez

 Árbitro: Arbeloa Rojas, do comité castelán-manchego. Amoestou Iago Aspas, Hugo Mallo, Javi Fuego, Maxi Gómez, Cabral.

 Goles: 1-0, min.10: Moreno; 2-0, min.24: Piatti; 2-1, min.69: Sisto.

 Campo: RCDE Stadium.

 



x