O Celta transforma a autoconfianza en goles

O Celta transforma a autoconfianza en goles
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

Un gran Iago Aspas lidera os celestes (3-1) fronte a un Málaga que saíu a dar a batalla.


O Celta volveu gañar na Liga após tres partidos sen facelo. Fíxoo na casa, contra o Málaga e nun partido no que os celestes deixaron impronta clara da súa efectividade e da súa confianza en si propios. Unha equipa que gosta do fútbol coral e do espírito e xogo colectivo como este Celta de Berizzo debeu en boa medida o seu triunfo a dúas individualidades: a de Rubén na área propia e a de Iago Aspas na do contrario. Dous canteiráns.

O partido comezou igualado, cun Málaga que da man do seu novo adestrador, ‘Gato’ Romero, saíu ao campo disposto a xogar ben e poñerlle as cousas complicadas ao Celta. Mais Aspas asestou o primeiro machadazo no minuto 7, pase ao espazo, carreira do canteirán e gran resolución ante Kameni, ao que deixou sentado para marcar a porta baleira.

Aspas marcaba así o seu gol número ii na liga, os mesmos que leva Cristiano Ronaldo e só 1 menos que Luis Suárez e dous por debaixo de Messi. O de Moaña leva nove tantos nas últimas nove xornadas. O gol ao Málaga supón, aliás, marcarlle a unha equipa ante a que non lograra até este domingo facer diana.

O Málaga non se deu por vencido e ameazou a portería celeste, onde un gran Rubén Blanco deu seguridade ao Celta. Após o descanso, o Málaga saíu con gañas e con intencións mais o gol de Wass após unha recuperación de Aspas certificaba que o Celta tamén sabe matar o partido.  Xa na recta final do encontro, Fontás marcaba para o celeste e Wass, en propia porta, un tanto que subía ao marcador dos andaluces.

Ficha técnica

Celta (3): Rubén, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Marcelo Díaz, Radoja (Sergi Gómez, min.85), Wass, Iago Aspas, Bongonda (Sisto, min.69), Guidetti (Pape, min.63).

 Málaga (1): Kameni, Rosales, M. Torres (Llorente, min.11), Mikel, Juankar, Camacho, Recio, P. Fornals (Juanpi, min.56), Chory Castro (Jony, min.80), Santos, Sandro.

 Goles: Iago Aspas, min.7, 1-0; Wass, min.59, 2-0; Fontás, min.82, 3-0; Wass (p.p.), 3-1, min.86.

 Árbitro: González González, do comité castelán-leonés. Amonestou a Fornels, Recio y Camacho (Málaga); Sergi Gómez (Celta).



x