LIGA

O Celta xoga media hora e perde ao final co Betis

O Celta xoga media hora e perde ao final co Betis
O Betis superou ao Celta (2-1) na segunda xornada de Liga no Villamarín. Foto: Celta de Vigo
O Betis superou ao Celta (2-1) na segunda xornada de Liga no Villamarín. Foto: Celta de Vigo  

O Celta volveu tomar vantaxe diante do Betis como hai unha semana fronte á Real, e tamén desta volta foi superado por un rival sen moito fútbol pero con mellor puntería. 


Dúas xornadas e dúas derrotas que chegan despois de perdela vantaxe no resultado e no xogo. O Celta de Unzué mantívose por riba do Betis durante media hora no Villamarín. Logo do empate de Sergio León, despois de moitos minutos de dominio, aínda Wass tería unha ocasión de marcar antes do descanso. Pero o Celta rematou a primeira parte sen levar ao marcador a súa superioridade no campo. E iso a partir dunha idea menos elaborada do fútbol de toque e posesión de anos anteriores. O Betis de Setién non parecía un rival a temer até o gol de León, que puido facer o segundo pouco despois.  

Non se viu un fútbol moito máis vistoso despois do descanso. O Celta caeu en certa confusión. A segunda parte resultou un intercambio de golpes sen precisión e con moi pouca profundidade. Así que o gol que desfixo o empate só podía chegar a balón parado. Avisou o Betis dúas veces, e á terceira, Feddal rematou de cabeza á rede un saque de esquina. Hugo Mallo e Maxi Gómez puideron rescatar un punto para os visitantes nos minutos finais. Non foi posíbel e o Celta empeza a tempada con dúbidas no xogo e sen sorte nos resultados.


Betis: Adán, Barragán, Mandi, Feddal, Durmisi, Javi García, Guardado, Camarasa, Joaquín (Narváez, min.84), Francis (Tello, min.66), Sergio León (Sarabia, min.80).
 
Celta: Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia (Cabral, min., 74), Sergi Gómez (Lobotka,  min.80), Jonny, Radoja, Wass (Tucu Hernández, min.65), Jozabed, Iago Aspas, Sisto, Maxi Gómez.
 
Goles:
 0-1, min.10: Maxi Gómez; 1-1, min.31: Sergio León; 2-1, min.76: Feddal.
 
Árbitro: De Burgos Bengoetxea, vasco. Amarelas a Feddal, Mandi, Jozabed e Radoja.
 
Campo:
Benito Villamarín.



x