O Dépor estivo noutro planeta

O Dépor estivo noutro planeta
Momento en que Messi asiste Luis Suárez no 1-O
Momento en que Messi asiste Luis Suárez no 1-O  

4 goles en contra, o espectro dun quinto tanto a traspasar totalmente a liña da meta de Rubén sen ser concedido polo árbitro, 5 balóns ao pau, 3 ou 4 paradas do gardamallas de Coristanco daquelas que poden fechar o debate sobre a portería. Definitivamente Deportivo e Barcelona xogan deportes distintos, tan distantes o un do outro como os seus teitos salariais.


O xogo tivo dúas fases. Na primeira, por volta de 30 minutos, o Barça xogou coa cuarta marcha. Durante ese período, apenas criou ocasións e até se viu algo Çolak. Nos 60 minutos restantes, o Barça xogou a unha velocidade inalcanzábel para a equipa de Cristóbal Parralo. Durante ese período era como se xogase unha equipa de Champions contra unha escadra da segunda división belga ou austríaca. O mellor para a equipa galega foi o taboleiro de marcas. 4? De verdade só foron 4 goles? De verdade o Barça estrelou cinco balóns nos paus da baliza coruñesa? De verdade Messi se foi duchar sen embocar nen unha soa bola? De verdade Rubén foi o heroe do choque a despeito de ter recebido catro goles (nos que nada puido facer)?

 

Parralo colocou no Camp Nou o mesmo once que bateu comodademente o Leganés. Quixo disputar ao Barça a posesión da bola, daí que puxese sobre o relvado o seu mellor futebolista, o turco Çolak. O 8 branquiazul aínda deu filtrado algunha bola ás costas dos zagueiros cataláns. Iso cando o partido se disputaba a unha velocidade asumíbel para a equipa galega. En canto o Barça puxo o turbo, Çolak nen cheirou o coiro, e todas as carencias defensivas do combo branquiazul viñeron á tona.

 

De verdade só foron 4 goles? De verdade o Barça estrelou cinco balóns nos paus da baliza coruñesa? De verdade Messi se foi duchar sen embocar nen unha soa bola?

 

E que había en fronte? Pois basicamente dous monstros deste deporte. Iniesta e Messi. O manchego estivo eminente. Dádelle a bola, arrodeádeo de tres ou catro rivais, e sempre eliminará contrarios, sempre criará superioridade numérica en calquera outra área do campo. O balón nos seus pés é un pasaporte para o desequilibrio. E ben pouco fai falta para facer desequilibrar o estaríbel defensivo deportivista. Messi non marcou, certo, mais puxo en pánico durante 60 minutos toda a equipa de Parralo. Xera un estrés tal na equipa contraria que sobrevivir a esa tensión revélase tarefa imposíbel para 97 ou 98 de cada 100 escadras do planeta. A dupla Iniesta-Messi fai que o Barça dea a impresión de ter quince futebolistas sobre o campo. De máis para un Dépor tan fráxil como o das últimas temporadas, a tremelicar sobre o fino arame que separa a elite do descenso de categoría.

 

A dupla Iniesta-Messi fai que o Barça dea a impresión de ter quince futebolistas sobre o campo

 

A incomensurábel destreza das estrelas barcelonistas -Messi é un dos dous ou tres mellores da historia, Iniesta un dos dous ou tres mellores das últimas tres décadas- tampouco debe ser coartada para non reflectirmos mais unha vez sobre as eivas desta equipa. Faltan cousas básicas. Por exemplo, contundencia. Por exemplo, concentración (como pode estar tan só Luis Suárez no 1-0?). Por exemplo, cambios de ritmo (o Deportivo parece ter só unha velocidade). Por exemplo, algo máis de veneno en ataque (Lucas é hoxe un futebolista previsíbel e Adrián e Gil son xogadores tan aseados como carentes de punch, gatos no canto de tigres na terminoloxía de Mourinho). 

 

Faltan cousas básicas. Por exemplo, contundencia. Concentración. Cambios de ritmo. Algo máis de veneno en ataque

 

 

Tampouco nos poñamos tráxicos: non é no planeta Camp Nou -ou no Bernabéu ou no Wanda ou en Mestalla- onde o Dépor vai decidir a súa sorte. Nunha liga materialmente tan desigual como a española, en condicións normais equipas como a galega teñen pouco que facer neses escenarios. A vida continúa. O Dépor viaxa xa de volta ao seu planeta. Próxima estación, o noso derbi.

 

FC Barcelona: Ter Stegen, Piqué, Rakitic, Iniesta (André Gomes, min. 76), Suárez, Messi, Paulinho, Paco Alcácer (Aleix Vidal, min. 23), Jordi Alba (Digne, min. 81), Sergi Roberto e Vermaelen.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Navarro, Guilherme (Valverde, min. 63), Borges, Carles Gil (Borja Valle, min. 84), Çolak (Bakkali, min. 63), Adrián e Lucas.

Goles: 1-0 Luis Suárez (min. 29); 2-0 Paulinho (min. 41); 3-0 Luis Suárez (min. 47); 4-0 Paulinho (min. 75).

Árbitro: Mateu Lahoz (C. Valenciano). Cartón amarelo a Schär (min. 32).

Incidencias: partido da 16ª xornada de LaLiga Santander disputado no Camp Nou ante 53.607 persoas.



x