O Dépor redescobre que sabe golear

O Dépor redescobre que sabe golear
Os deportivistas celebran un dos seus cinco goles
Os deportivistas celebran un dos seus cinco goles  Foto: CanalDeportivo

A presión psicolóxica, ese intanxíbel, pode atenazar unha equipa ou, menos frecuentemente, electrificala. Riazor desfrutou por unha vez desa segunda opción. Un Deportivo desbocado e frenético tombou a Real Sociedad nun partido memorábel. O 5-1 estaba fóra de todas as expectativas. O Dépor descobreu do que é capaz.


A confianza é outro intanxíbel. O Dépor saldara con boas faenas os últimos xogos, face o Sevilla e o Málaga, mais deles saíu de baleiro e con todas as dúbidas do mundo no corpo. Entraba a bola nas porterías contrarias, si, mais un mundo delas tamén na propia. O balanzo condenaba a equipa a se debruzar sobre o abismo, a caír por vez primeira na foxa das tres prazas que conducen ao descenso.

Niso o calendario deparou un dos piores rivais posíbeis para o Dépor, a Real Sociedad. A escadra vasca exhibírase perante o Barça de Messi e levaba sete partidos consecutivos sen perder. A presión aínda se fixo máis patente cando rivais directos da liga do Dépor -Granada e Sporting- sumaban os tres pontos. A equipa de Garitano puña o balón en xogo en postos de descenso. Só lle valía gañar para saír deles. Garitano, alén do máis, sabía que unha derrota podía finiquitar a súa efémera etapa na Coruña.

Entón saíu un ciclón do túnel de vestiarios. En apenas un cuarto de hora, o Deportivo xa avantaxaba a Real Sociedad nun gol (Sidnei, m. 13) e ameazara seriamente a portería de Rulli en dous lances protagonizados por Andone, transmutado de súpeto nun killer da área, un depredador que deixou atrás a fame negra e agora papa todo o que se lle pon por diante.

A Real non soubo reaxir, entre outras cousas porque o Dépor estivo intenso, a rebordar enerxía en cada acción

A Real non soubo reaxir, entre outras cousas porque o Dépor estivo intenso, a rebordar enerxía en cada acción. Literalmente desatado e co azar ao seu carón no 2-0 (gol en propia meta dos vascos), superou o rival cunha presión adiantada en todo o campo e logo con cerebro na medular. Ben Çolak no pase xusto e moi ben, moi ben, Babel, sempre sutil no toque exacto da bola, este é un futbolista que ás veces é Iniesta (sabe como filtrar o balón ás costas da defensa e iso vale ouro neste deporte) e ás veces é Ronaldo (non precisa nen medio metro para armar a perna e inventar un chut letal desde 30 metros).

O Deportivo submeteu totalmente a Real após o 3-0, obra de Andone. O romanés completou un grande partido en Riazor. A súa entrega foi sempre total desde que chegou a Galiza. Só lle faltaba aquilo que distingue os grandes dianteiros, acerto na definición. Iso vén de serie, seica. Había dúbidas sobre que Andone saíse da fábrica con iso. Pois si, teno. Esta segunda feira abeirou o hat trick perante unha das mellores equipas do campionato. 

Levou un certo susto Riazor co 3-1, voltaron as fantasmas e os medos. Mandou parar Babel co lanzamento do penalti que supuxo o 4-1. As baixas pulsacións do holandés caracterízano. Só un futbolista así de frío é quen de agardar o rexeitamento do porteiro nunha pena máxima para tocar suavamente a bola e pola alí onde ten que ir, dentro da baliza. Ese gol selou o partido, mais non a festa, aínda tería Andone oportunidade de engrosar as súas estatísticas, aínda tería Joselu a oportunidade de voltar a pisar o relvado de Riazor.

Deportivo: Tyton; Juanfran, Albentosa, Sidnei, Navarro; Guilherme (Mosquera, min.82), Borges; Carles Gil, Çolak (Fayçal Fajr, min.87), Babel; e Florin Andone (Joselu, min.80).

Real Sociedad: Rulli; Carlos Martínez, Raúl Navas, Iñigo Martínez, Yuri Berchiche; Xabi Prieto (Granero, min.64), Illarramendi, Canales (David Concha, min.77); Carlos Vela (Juanmi, min.64), Willian José e Oyarzabal.

Goles: 1-0, min.13: Sidnei. 2-0, min.29: Iñigo Martínez. 3-0, min.42: Florin Andone. 3-1, min.56: Yuri. 4-1, min.64: Babel. 5-1, min.77: Andone.

Árbitro: Munuera Montero, do colexio andaluz. Mostrou cartóns amarelos a Iñigo Martínez (min.62), Granero (min.65), Yuri (min.66) e Juanmi (min.86), por parte da Real Sociedad.