O Dépor sela a permanencia sen despexar as dúbidas

O Dépor sela a permanencia sen despexar as dúbidas
Depor
Depor  

Final da tortura. Un empate sen goles na casa dunha das equipas máis potentes do campionato valeu para o Dépor selar a permanencia sen agardar a última xornada. Cada día é máis barato safar do descenso. Desta volta abondou con sumar 33 pontos en 37 xogos (0,8 pontos por partido) para ficar na Primeira División. O Dépor mantén a categoría, mais non despexa as dúbidas sobre a solvencia do seu proxecto.


Un partido sen brillo, disputado, iso si, con máis oficio e intensidade que nas últimas comparecencias da equipa de Mel, acabou por se traducir no ponto 33 do campionato para o Deportivo. O empate do Leganés en Bilbo puxo o ramo ao asunto, ao tornar imposíbel a tripla igualada a 33 pontos co Sporting que tería condenado o combo coruñés. Gañou o Sporting en Eibar, mais o seu teito son os 33 pontos que xa ten o Dépor. E ten o gol average en contra (perdeu os dous encontros cos galegos). Ergo, o Dépor foxe do averno matematicamente e faino, é ben curioso, no mesmo capítulo -o 37- e co mesmo adversario -o Villarreal- que no pasado curso.

O heroe voltou a ser Lux, en varias accións claras de gol dos locais. Tamén puido ser o vilán, mais o árbitro, magnánimo, lle perdou a expulsión cando se foi contra un adversario nunha desas xogadas confusas e atrapalladas na área en que se non tes os nervos de aceiro calquera cousa despropositada pode acontecer. En ataque o Dépor praticamente non existiu -agás algunha pincelada dun Ola John que continúa a deixar detalles promisorios para a próxima temporada. Mel xogou todo ao empate e desta volta deu refutado o vello aforismo de que cando unha equipa vai a polo empate é inevitábel que acabe perdendo.

O heroe voltou a ser Lux, en varias accións claras de gol dos locais. Tamén puido ser o vilán, mais o árbitro, magnánimo, lle perdou a expulsión

O final do choque foi o que cabe agardar dun epílogo deportivista. Minutos anguriosamente longos, ollares de esguello ao taboleiro de marcas na procura de dados sobre como ían as cousas en Ipurúa e no novo San Mamés, a historia branquiazul de toda a vida, a tortura de viver sobre o gume da navalla.

Safamos, si, mais sabemos que esta temporada non estivemos nen de lonxe á altura. Esa frase levábana escrita no rosto os futebolistas do Depor ao concluír o xogo e coñecer que os resultados de Eibar e Bilbo eran os desexados.

Safamos, si, mais sabemos que esta temporada non estivemos nen de lonxe á altura. Esa frase levábana escrita no rosto os futebolistas do Depor ao concluír o xogo

O happy end é moi relativo. Hai felicidade, si, porque o descenso poría o Deportivo nunha situación financeiramente case insalvábel. Mais hai inquietude porque por algunha razón aínda non revelada a equipa funcionou moi por debaixo do seu potencial real (esta escadra foi quen de lle gañar o Barcelona en Riazor e de empatar este domingo contra unha equipa, o Villarreal, que pelexaba por meter aínda a cabeza na Champions. Se iso é así, por que apenas deu sumado 0,8 pontos por partido?). E, sobre todo, hai serias dúbidas sobre se Mel é o home, sobre se ten ou non un proxecto confiábel para a próxima temporada. Despexar as incertezas será agora a principal tarefa da equipa directiva do clube, á que xa non lle quedan demasiadas balas na recámara.

 

Villarreal CF: Andrés Fernández, Mario Gaspar, Bonera, Álvaro, Jaume Costa, Jonathan dos Santos (Rodrigo, min. 90), Bruno, Manu Trigueros (Sansone, min. 71), Samu Castillejo, Bakambu e Soldado (Adrián, min. 75).

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Arribas, Fernando Navarro, Borges, Guilherme, Carles Gil (Bruno Gama, min. 83), Emre Çolak (Pedro Mosquera, min. 90), Ola John (Fayçal Fajr, min. 63) e Andone.

Árbitro: Gil Manzano (c. extremeño). Cartóns amarelos a Manu Trigueros (min. 43), Lux (min. 45+1), Soldado (min. 45+1), Andone (min. 53), Fayçal Fajr (min. 65) e Borges (min. 90+4).

Incidencias:  16.437 espectadoras e espectadores no Estadio da Cerámica.



x