ESTA SEXTA FEIRA ÁS 20.35H PRIMEIRA SERIE DOS 1.500 METROS

"As mulleres deportistas estamos a reflotar o deporte estatal"

"As mulleres deportistas estamos a reflotar o deporte estatal"
Solange Pereira Foto: RFEA
Solange Pereira Foto: RFEA  

Solange Andrea Pereira da Ponte (Portugal, 1989), atleta galega nada no país veciño, criada en Fuerteventura e residente en Cangas, compite esta sexta feira nos Mundiais de Atletismo de Londres. Após proclamarse Campioa Estatal e lograr a súa mellor marca persoal, tentará acadar o podio nos Mundiais. Ás 20.35h dará comezo a primeira serie dos 1.500 metros da categoría feminina que pinta moi competida este ano e Sermos Galiza conversou coa atleta!  


- Que tal te sentes de cara aos Mundiais de Londres?

 

Moi ben!  A verdade é que me atopo no mellor momento da miña carreira profesional e afronto con moitas gañas estes Mundiais. Amais, grazas ó esforzo, ó adestramento diario e ó alto nivel ao que cheguei, parece que os medios están a dar algo máis de protagonismo. 

 

- Como ves o deporte feminino na actualidade?

 

Penso, sen ofender a ninguén, que o deporte feminino e as mulleres deportistas somos hoxe o motor do deporte estatal. Os logros, as vitorias e as medallas logradas polas deportistas están a reflotar o deporte. Amais, os medios están a dar algo máis de importancia ás barreiras que, con esforzo e pouco a pouco, estamos a superar.

 

- Que diferenzas hai, en termos de discriminación ou dificultades, de cando empezaches no atletismo até agora?

 

Pois nunca me sentín discriminada por ningunha compañeira ou compañeiro, nin clube, nada. Mais si é certo que noto desigualdade nos recoñecementos públicos e nos medios de comunicación. Cabréame ver, ler e oír en televisión, prensa ou radio os logros, títulos e medallas obtidos polos meus compañeiros, mentres que a nos nin sequera se nos dedica un par de liñas, senón unha foto e listo. Isto non pode ser. Non é xusto que ás mulleres se nos esixa 20 mil veces máis que ós homes para obter o mesmo recoñecemento que eles, menos cando nos logramos mellores resultados, máis medallas ou máis títulos. É impensable que Mireia Belmonte gañase o ouro que lle faltaba nos Mundiais e non copase as portadas ou abrisen os informativos deportivos con ela. Non pode ser que a xente, en pleno século XXI, continúe a amosar sorpresa cando algúns xornais dedican a súa portada ó logro dunha muller deportista.

 

- Que pensas que hai que facer para cambiar isto? Quen debe tomar cartas no asunto?

 

Habería que empezar pola base. Os tempos están a cambiar, agora as mulleres comezamos a ser un pouco máis visíbeis grazas ós logros obtidos polas pioneiras do deporte feminino que nos puxeron as cousas algo máis fácil para poder acceder a el. Hai anos, por exemplo, a Delegación Estatal levou so á equipa masculina para competir na proba de relevos e á equipa feminina deixouna en terra, isto agora non pasa. Entón, quen habería de tomar cartas? Todas e todos, desde as e os deportistas, as adestradoras e os adestradores, ás delegacións de cada país, porque isto non é un problema nin unha causa que afecte só a Galiza, é unha problemática no mundo enteiro, até as e os xornalistas e medios de comunicación. Pouco a pouco os estereotipos estanse a romper e as barreiras que impedían o acceso ás mulleres están a caer, mais quedan cousas por facer e mentalidades que cambiar!  



x