LÍDER DA CLASIFICACIÓN

O Deportivo Abanca, imparábel na Segunda Feminina

O Deportivo Abanca, imparábel na Segunda Feminina
Celebración de Peke no debut na Copa Galiza fronte o Friol (7-0) [Foto: RC Deportivo]
Celebración de Peke no debut na Copa Galiza fronte o Friol (7-0) [Foto: RC Deportivo]  

O Deportivo Abanca comezaba esta temporada cun claro obxectivo: ser líder na Segunda División e conseguir o ascenso a Primeira, e por agora xa conta con nove puntos dos nove xogados. Este domingo 1 de Outubro, a equipa adestrada por Manu Sánchez visita a capital galega, na que se vai enfrontar ao Victoria FC de Santiago.


As xogadoras do Deportivo Abanca están imparábeis. A fin de semana pasada, exhibiron de novo o seu potencial ofensivo coa goleada, esta vez en Arteixo, ante o CD Femiastur (9-1). Estefi, Kika, Miriam, Gaby, Peke e Jone foron as autoras dos goles nun partido da terceira xornada de Liga da Segunda División, que se decantou do lado deportivista xa aos sete minutos do inicio. A racha goleadora das blanquiazuis mantenas no alto da táboa liderando o grupo con tres vitorias de tres partidos xogados, igualadas a puntos co Oviedo Moderno, segundo por diferenza de goles.

 

Até agora, as de Coruña viaxaron a Xixón na primeira xornada de Liga, no que golearon ao Gijón FF (0-7) nun partido pouco vistoso ante un frouxo cadro xixonés, que se aproveitou das reducidas dimensión do terreo de xogo para poñer en dificultades ás súas rivais. Decidiu o choque a maior calidade e a pegada das blanquiazuis.

 

E na segunda xornada ligueira, o Deportivo Abanca recibiu en Ponte dos Brozos ao Atlántida de Matamá e volveron golear (6-1). O encontro foi moi igualado até o minuto 40, no que a equipa viguesa quedou con 10 xogadoras após da expulsión de Natalia. A partir de aí o dominio foi claro deportivista.

 

Cómpre lembrar que Manu Sánchez conta cunha equipa envexábel, moi nova e ambiciosa, de calidade e co claro obxectivo de ascender a primeira. Entre as xogadoras atópanse internacionais como Nuria Rábano, que ven de gañar a Eurocopa Sub-19, e Teresa Abelleira, convocada coa estatal Sub-19 estas semanas.

 

O arranque copeiro, tamén con goleada

 

O Deportivo Abanca iniciou en Arteixo con goleada (7-0) ao Peluquería Mixta Friol a primeira fase da Copa Galiza, unha competición de recente creación na que participan toas as equipas galegas da Segunda División. O partido foi de claro dominio deportivista, que sentenciou ao seu rival con tantos de Peke (4), Gaby (2) e Estefi.



x