Diego López frea a escalada do Celta cara ás prazas europeas

Diego López frea a escalada do Celta cara ás prazas europeas
Diego López, nun lance do xogo
Diego López, nun lance do xogo  Foto: LaLiga

O partido abalou entre a voracidade ofensiva de Maxi Gómez -12 goles xa no campionato- e a resistencia dese frontón humano chamado Diego López, o porteiro galego do Espanyol. Non houbo gañadores nese duelo. O empate afasta un chisco o Celta da Europe League.


O Espanyol cedeu a posesión da bola e fiouno todo a dúas bazas: ao seu perigo nas contras e a un porteiro superlativo que, embora a súa veteranía, se acha nun dos mellores momentos da súa exitosa carreira. 

 

Mentres, os de Balaídos foron fieis ao seu insubornábel estilo. Passing game na transición e verticalidade no ataque, como cabe agardar dunha escadra con dous puntas como Iago Aspas e Maxi Gómez, 27 goles suman entre ambos no que vai de campionato.

 

A equipa catalá transformou en gol practicamente todo o que chutou contra a portería de Rubén. A equipa galega, non. Era a tarde de Diego López. Estas cousas pasan no futebol. Non hai moito o de Paradela, aos seus 36 anos, non xogaba e estaba a piques de saír do clube de Sarriá no mercado de inverno. Agora é insubstituíbel e volta a ser o porteiro que puxo en cuestión a titularidade de Casillas no Real Madrid.

 

O empate a 2 goles deixa o Celta con 32 pontos, na oitava praza, a tres da sétima, isto é, de se enganchar co tren da Europe League.

 

Celta: Rubén, Hugo Mallo (Boyé, min.89), Roncaglia, Sergi Gómez, Jonny, Lobotka, Wass, Radoja (Tucu Hernández, min.75), Iago Aspas, Sisto (Emre Mor, min.75) e Maxi Gómez.

Espanyol: Diego López, Navarro, Naldo, David L., Aarón, Víctor S., Carlos S., Darder (Didac, min.72), Jurado (Sergio García, min.60), Baptistão (Piatti, min.72) e Gerard.

Goles: Baptistão (0-1, min.10), Maxi Gómez (1-1, min.32), Maxi Gómez (2-1, min.79), Gerard Moreno (2-2, min.87).

Árbitro: González González, do comité castelán-leonés. Cartóns amarelos para Tucu Hernández, Hugo Mallo, Maxi Gómez (Celta); Víctor Sánchez e Navarro (Espanyol).

Campo: Balaídos (15.750 espectadores).



x