MARÍA SABARÍS

"É difícil loitar contra o todopoderoso fútbol"

"É difícil loitar contra o todopoderoso fútbol"
María Sabarís
María Sabarís  

A xornalista María Sabarís é a voz do Celta no Sermos e é quen esta segunda feira se achega a esta xanela do #VenhanMais5 para achegarnos as súas impresións arredor do deporte galego. Pasen e lean.


-Como ves o estado actual do deporte galego?

 

-O maior problema que vexo é que o deporte minoritario segue a ser moi minoritario a respecto do fútbol. É díficil loitar contra co ’todopoderoso’ fútbol pero penso que as institucións públicas non fan o esforzo necesario por potenciar outros deportes con instalacións novas e vangardistas. E, sobre todo, non fan un esforzo para que os deportistas poidan compaxinar os seus estudos e a vida profesional; chegado a certo punto, vense obrigados a elixir. A pesar dos programas que xa existen nalgunhas universidades, son aínda moi insuficentes. Una rapaza de Pontevedra, por exemplo, que quere chegar a ser algo no mundo da natación verase obrigada na maioría dos casos a ‘emigrar’ a Madrid ou Barcelona para poder compatibilizar a vida de estudante e a carreira deportiva. Figuras como Gómez Noya ou no seu momento David Cal son un impulso para eses deportes minoritarios, pero o impulso de certos deportes non se pode basear na ‘explosión’ dun deportista local para ser promocionado. Débense buscar recursos e medios para promocionar e impulsar as e os rapaces a practicar outro deporte ademais de fútbol.

 

-Que evolución agardas do deporte galego a 5 anos vista?

 

Gostaría tanto de poder ver un xornal diario en papel feito en galego que oxalá Sermos poida ser quen de chegar aí algún día

 

-Espero e desexo que a muller teña máis protagonismo no deporte galego en xeral e no fútbol en particular, no que a día de hoxe é unha mera anécdota. Equipos como o Deportivo xa deron pasos adiante coa refundación do Deportivo femenino (antigo Karbo Deportivo ), pero o Celta aínda ten moito camiño que andar nese terreo. A día de hoxe Galiza está lonxe de ter a un equipo na primeira división do fútbol femenino, non por capacidade, senon por axudas e apoios. O mencionado Karbo foi nos anos oitenta probablemente o mellor clube en España pero a falta de apoios e axudas levouno á súa desaparición. Unha vez máis o apoio ao fútbol masculino deixou de lado o feminino. Espero que nestes próximos 5 anos se dean pasos nesta dirección e exista un apoio real para ver un equipo galego na primeira división. É irónico que unha das mellores xogadoras do mundo, Vero Boquete, sexa galega e o fúbol profesional feminino sexa na Galiza algo case irreal. 

 

-Que esperas de Sermos e en que cres que pode/debe mellorar?

 

-Espero que viva moitos anos 'máis cinco' e que siga a traballar por difundir e alentar o uso da nosa lingua, o galego. É unha magoa que nun país coma o noso, privilexiado cunha lingua e cultura propia, as opcións en galego sexan as menos nos medios e que as axudas sexan cada vez menores. Gostaría tanto de poder ver un xornal diario en papel feito en galego que oxalá Sermos poida ser quen de chegar aí algún día. Sei que é unha utopía pero como dicía o outro, soñar é gratis. Só espero que Sermos siga traballando nesa dirección. 



x