Dous goles do país para seguir a soñar en Europa

Dous goles do país para seguir a soñar en Europa
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

O Celta derrota o Krasnodar (0-2) con goles galegos (Hugo Mallo e Iago Aspas) e dezaseis anos despois, regresa a cuartos de final da Europa League.


Dezaseis anos despois, o Celta volve ter unha cita con cuartos de final en Europa. A cuarta vez na súa historia que chega a esta cita e faino co lema afouteza e corazón tatuado na fronte. Derrotou o Krasnodar (0-2) na súa casa nun partido no que o Celta sempre tivo claro que o que quería era a vitoria. Déronlla dous goles de dous rapaces da casa, dous ‘ghichos’ das Rías Baixas, de Moaña e Marín, labrados na canteira celeste: Hugo Mallo e Iago Aspas. Dous goles de país para que o Celta continúe a soñar en Europa.

A vantaxe lograda en Balaídos (2-1) obrigaba os celestes non especular. Berizzo tíñao ben claro e a armada que comanda, tamén. O Celta saíu ao Krasnodar Stadium a polo partido. Enfronte, un Krasnodar con baixas importantes (sen Smolov e no último momento, tamén sen Ramírez) mais co músculo, intensidade, calidade e coraxe do fútbol ruso.

Foi unha primeira metade desputada, na que os rusos se fixeron co partido durante o primeiro cuarto de hora. Uns 45 minutos con intercambios de ‘toma e daca’ entre galegos e rusos, nun partido aberto e no que os porteiros (Sergio e Sinitsyn) sacaron mans prodixiosas que evitaron goles do contrario. O dominio era alterno e prometía un encontro desputado e aberto.

Mais na segunda metade, o gol de Hugo Mallo nos primeiros compases cambiaba o escenario. O de Marín aproveitou un mal despexe dos rusos dun tiro de Iago Aspas para inaugurar o marcador e acender a ledicia celeste. Após ese gol, o Celta fíxose dono eseñor do medio campo e controlou o partido. O Krasnodar tentou reaxer coa entrada de  Laborde e Joaozinho, sen dar nada por perdido. Mais o Celta non recuaba e chegou o segundo gol, coa marca de ‘vaselina Iago Aspas’. Galiza volve a uns cuartos de final europeos.

Ficha Técnica

0 (1)-Krasnodar: Sinitsyn, Martynovich, Granqvist, Naldo, Petrov, Kaboré, Gazinskiy, Pereyra (Laborde, min.70), Podberezkin (Mamaev, min.46), Wanderson, Claesson (Joãozinho, min.60).

 2 (4)-Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Jonny, Radoja, Wass (Jozabed, min.74), Pablo Hernández (Beauvue, min.86), Iago Aspas (Roncaglia, min.82), Guidetti, Sisto.

 Goles: Hugo Mallo, 0-1, min.52; Iago Aspas, 0-2, min.82.

 Árbitro: Ruddy Buquet, de Francia. Amoestou Gazinskiy, Granqvist, Wanderson (Krasnodar); Radoja (Celta). Expulsou Kaboré, do Krasnodar, con duplo cartón amaelo (min.87).

 



x