Sen entradas para #oNosoDerbi en Riazor: Dépor e Celta chegan nun momento doce

Sen entradas para #oNosoDerbi en Riazor: Dépor e Celta chegan nun momento doce
(Imaxe: RCDeportivo)
(Imaxe: RCDeportivo)  

Cheo total en Riazor para acoller a volta de #ONosoDerbi este domingo, a partir das 18.30 horas. As últimas cen entradas á venda esgotáronse en cuestión de horas, segundo informou o club nun comunicado, e todo fai prever que o estadio coruñés rexistrará a mellor entrada da temporada.


O Deportivo vén de recuperar as súas mellores sensacións. A vitoria fronte o Barcelona e oito puntos nos últimos catro partidos, que lle permitiron afastarse da zona de descenso, testemuñan o estado de forma do equipo herculino. A chegada de Pepe Mel como adestrador cambiou a perigosa tendencia de principios de ano. Con 27 puntos, ocupa a  15ª posición, nove por riba da permanencia.

Terá diante un Celta tamén motivado despois de acadar a clasificación para os cuartos de final da UEFA Europa League. Un éxito que contrasta coas últimas actuacións en Liga. Na 10ª posición, con 35 puntos, os de Eduardo Berizzo precisan dos tres puntos para non perder de vista os postos europeos, logo de dous empates e dúas derrotas no campionato estatal.

Os celestes buscarán repetir a tónica do encontro de ida (4-1), aínda que acoden con maior carga de partidos. As estatísticas recentes decantan o derbi galego a favor do Dépor en Riazor, onde nos últimos 16 anos non houbo ningún empate entre ambos. 

A previa: recibimento, mosaico e o himno nacional 

Outro dos grandes atractivos do encontro estará nas bancadas. Co aforo de 32.200 persoas pechado, o conxunto herculino chamou os seus siareiros a acudir antes do inicio para recibir os equipos e formar un mosaico coas cores do club. Cando os xogadores salten o campo, soará o himno nacional como vén sendo tradición nos últimos anos. Todo listo para un novo derbi galego. 
 



x