A falta de puntería de Andone fai a vida fácil ao Madrid en Riazor

A falta de puntería de Andone fai a vida fácil ao Madrid en Riazor
Os futebolistas do Dépor aplauden as bancadas ao termo do xogo
Os futebolistas do Dépor aplauden as bancadas ao termo do xogo  

Non se pode perdoar tanto ante unha equipa con tanta potencia de lume como a de Zidane.


O 0-3 é un resultado enganoso ou tal vez non. Se callar en realidade si que informa sobre as diferenzas entre unha equipa e a outra. Ao Real Madrid non lle fai falta case nada para marcar (os seus dous primeiros goles tiveron un certo ar de brincadeira), entanto que o Deportivo sofre horrores para furar a portería rival. Este domingo, Andone estivo particularmente negado. Dispuxo de até catro disparos francos fronte Keylor Navas. Nada. Cero. Nen sequer de penalti.

 

O Madrid tampouco exhibiu a súa mellor versión. Bastoulle con Isco se adonar do balón na medular para desequilibrar o choque. Arriba non estaba Cristiano e Bale non é precisamente un 9. Porén, si soubo estar só (onde os seus marcadores?) para receber un agasallo de Benzema que transformou no 0-1. As debilidades defensivas do combo galego voltaron a se pór de relevo cando Casemiro (Casemiro!) desviou a gol un centro raso de Marcelo. Estaba tan sozinho como Bale.

 

No Dépor debutou o central Fabian Schär e o media punta belga Fabian Schär. Aquel estivo máis que correcto e apunta maneiras. Este deixou ver certa tendencia a se revolucionar de mais e a se enguedellar en exceso coa bola. Haille que dar tempo.

 

Este non era claramente un partido da liga do Dépor, así que o resultado non pasa de ser anecdótico. En todo caso, a equipa coruñesa non pode sobreviver na elite cun só dianteiro. Os despachos deben moverse para Lucas Pérez, ou no seu defeito un punta de garantías, aterrar canto antes en Alvedro.

 

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho, Pedro Mosquera, Guilherme, Borges (Adrián, min. 65), Fede Cartabia (Borja Valle, min. 79), Bakkali (Bruno Gama, min. 54) e Andone.

Real Madrid: Keylor Navas, Carvajal, Sergio Ramos, Nacho, Marcelo, Kroos, Casemiro (Marcos Llorente, min. 72), Modrić, Bale (Lucas Vázquez, min. 80), Benzema e Isco (Asensio, min. 66).

Goles: 0-1, m. 20: Bale; 0-2, m. 27: Casemiro; 0-3, m. 62: Kroos.

Árbitro: González González (c. castellano-leonés). Expulsou Sergio Ramos (min. 90+2) por dupla amonestación. Amosou cartóns amarelos a Bakkali (min. 24), Schär (min. 53), Sergio Ramos (min. 53), Modrić (min. 57), Fede Cartabia (min. 60), Pedro Mosquera (min. 84) e Andone (min. 87).

Incidencias: partido correspondiente á 1ª xornada de LaLiga Santander disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 27.801 espectadores. 



x