Fernando de la Fuente Arias, talento e arte do mellor xadrecista coruñés 

Fernando de la Fuente Arias, talento e arte do mellor xadrecista coruñés 

Este sábado 21 de outubro vaise realizar na Coruña a cuarta edición do Memorial Fernando De la Fuente, organizado polo Clube de Xadrez Alexandre Bóveda. Un torneo cun formato de partidas rápidas (5min + 2sg) dedicado á figura do seu xogador máis ilustre, Fernando De la Fuente Arias, considerado por moitos o xogador de xadrez con máis talento que deu a cidade da Coruña ao longo da historia.


Fernando de la Fuente Arias (1954-2013) conseguiu unha grande cantidade de títulos a nivel individual nos Campionatos Provinciais e Galegos. A maior parte deles conquistados nos anos 70 e 80. Mesmo chegou a ser nomeado "Mellor xuvenil de España" no ano 1973. 

 

Campión universitario de Santiago mentres cursaba estudos de Químicas no ano 1974 e Campión por equipos de Galiza en 1989, representou a nosa comunidade en distintos torneos por toda a península. 

 

Malia acadar grandes éxitos a nivel individual, foi a competición por equipos a que máis desfrutou nos derradeiros anos da súa vida. Membro do Clube de Xadrez Alexandre Bóveda dende 1998, acadaría o seu Ranking ELO internacional máis alto na tempada 2008-2009, con 2.273 puntos. Anos importantes para Fernando, xa que formaba parte dun equipo con opcións reais a alzarse cos primeiros postos da División de Honra da Liga de Clubes Galega. 

 

"O seu estilo de xogo era o de un loitador. Non importaba a cor, brancas ou negras, Fernando xogaba sempre para gañar. O que sentaba enfrente así o sentía", di del Xosé Larrosa, mestre FIDE e compañeiro de equipo de Fernando por máis de dúas décadas. 

 

Un xogador extraordinario e irrepetible que acadou a inmortalidade grazas á beleza das súas partidas. 

 

Curiosidade: Fernando De la Fuente cultivou outra paixón ao longo da súa vida, se cadra máis forte que a que sentía polo propio xadrez, o cine. Unha paixón que o levou a colaborar en varias longametraxes galegas dos anos 90, especialmente en A metade da vida (Raúl Veiga, 1994) da que foi productor executivo. 

 


 

A seguir reproducimos unha das partidas de Fernando de la Fuente, disputada contra Xosé Larrosa. Os comentarios son do propio Xosé Larrosa e de Iván Fernández, ambos amigos de Fernando e xogadores do Alexandre Bóveda.

 

 

Fernando De la Fuente - Xosé Larrosa (1-0)

Defensa India de Dama

A Coruña. 1979

Comentarios Xosé Larrosa

 

1.Cf3, d5 2.d4, Cf6 3.Ag5, e6 4.e3, Ae7 5.Cbd2, Cbd7 6.Ad3, c5 7.c3, b6 8. 0-0, Ab7 Apertura sen moitas pretensións, algo habitual no xogo de Fernando. Non era un gran coñecedor teórico das aperturas. O seu xogo era moi lóxico, harmonioso e cunha grande forza posicional. Comprendía de maneira intuitiva este tipo de posicións. 9.Db1, (Interesante. Tamén era posíbel 9.a4). 9..., a5 10.Te1, 0-0 11.h3, h6 12.Af4, Ta7 A idea é pasar a dama a a8 e intensificar o control sobre e4 ao mesmo tempo que a torre colabora na defensa da segunda liña. 13.Ce5 Ubicando o cabalo nunha casa ideal.

Xadrez13..., Da8 14.Dd1, Ce5 15.de5, Ce4 A posición está igualada. 16.Cf1! Gran xogada posicional, de novo tentando procurar unha boa casa para o cabalo vía h3. 16...,Aa6?! 17.Ac2, f5 18.ef6, Cf6 19.Ch2, De8 20.Cf3, Dh5? Erro claro. Se ben semella que a dona negra está nunha posición activa, inmediatamente terá que retroceder para non quedar atrapada. 21.Db1! Xogada moi forte. Ameaza 22.Ag6 gañadora. 22..., De8 Non hai unha casa mellor. 23.Ce5! Unha posición inmellorable para o cabalo branco. 23...,Cd7?? A xogada perdedora. Aínda era posíbel 23..., Ad6, e se ben o branco está mellor, queda moita partida. 24.Ag6!, Dc8 25.Ah7+, Rh8 26.Cg6+ 1-0.

 

O seu xogo era moi lóxico, harmonioso e cunha grande forza posicional." Xosé Larrosa.

Partida de 1979 en A Coruña.

Fernando De la Fuente - Xosé Larrosa

1 - 0

 



x