O galego Raúl Blanco, campión de España de biatlón

O galego Raúl Blanco, campión de España de biatlón
Raúl Blanco, campión de España de Biatlón 2017
Raúl Blanco, campión de España de Biatlón 2017  

O campionato de España de Biatlón [natación máis atletismo] contou este ano cunha ampla participación galega. A delegación do país fixo un bon papel, con medallas de ouro, prata ou bronce en case todas as categorías da competición.


As e os atletas galegos lograron uns magníficos resultados no Campionato de España de Biatlón, realizado esta fin de semana en Xixón. A equipa do país, a pesar da baixa de última hora de Cristóbal Rodríguez e a súa irmá Yolanda, obtivo nin máis nin menos que 13 metais nunha competición que mestura as disciplinas de natación e atletismo.

 

Un total de quince deportistas da Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno participaron no campionato. Destacou a vitoria do galego Raúl Blanco Vila após conquistar dous ouros e proclamarse campión de España júnior e absoluto, nunha proba na que foi de menos a máis deixando constancia do gran estado de forma no que se atopa.

 

A competición absoluta, onde participaron xuntos as e os deportistas xuvenís, júniors e séniors, estivo moi loitada e non se decidiu nada até o final. Raúl Blanco rematou o primeiro sector (1.500 metros de carreira a pé) na 5ª posición, mais o segundo segmento (200 metros de natación) foi decisivo. Saíu da auga na primeira posición e xa non baixou até o remate, mais houbo emoción polo título até cruzar a liña de meta.

 

Joselyn Brea e Antonio Benito, gañadores do VII tríatlon concello de Poio

 

Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) lograron esta fin de semana a vitoria no VII Tríatlon Concello de Poio, primeira proba do Circuíto Galego de Tríatlon de Estrada 2017.

 

Cumpríronse os prognósticos quer na categoría feminina quer na masculina. Joselyn Brea e a arxentina Delfina Orlandini saíron xuntas da auga, pero a arxentina tomou vantaxe na bicicleta, mais a carreira a pé foi imposíbel para Orlandini. Era un circuíto moi duro, con fortes pendentes, e antes da primeira volta, Joselyn xa estaba en cabeza para lograr un cómodo triunfo cun tempo de 1:05:07. A segunda posición foi para a pequena da familia Brea, Edymar, que tamén estivo moi ben colocada alcanzando a meta cun tempo de 1:06:32.

 

Na categoría masculina, tampouco houbo sorpresas. Os dous internacionais Antonio Benito (Cidade de Lugo Fluvial) e Ricardo Hernández (Cidade de Lugo Fluvial) amosaron a súa condición de favoritos, copando as primeiras posicións dende a natación. Marcharon destacados durante o tramo de bicicleta o que lles permitiu economizar forzas na carreira a pé, para entrar en meta da man. A primeira posición foi para Antonio Benito cun tempo de 57:04, mentres Ricardo Hernández ficou en segunda posición co mesmo crono.

 

Na clasificación de clubes femininos o triunfo foi para o Tri-Penta Terras de Lugo, e na categoría masculina o vencedor foi o clube Cidade de Lugo Fluvial.



x