ELES E ELAS GAÑARON SENDAS FINAIS DE CONSOLACIÓN

Galiza, no podio do gaélico

Galiza, no podio do gaélico
Alba Fontán e Paula Paz erguendo o trofeo.
Alba Fontán e Paula Paz erguendo o trofeo.  

Galiza pecha a súa participación nos GAA World Games, co terceiro posto masculino e a vitoria na copa Shield, de consolación, da selección feminina.


A selección masculina de fútbol gaélico repúxose da derrota contra Francia que a deixou fóra da final, para conseguir o terceiro posto final ao gañarlle ao equipo da Asociación Chinesa, Beijing GAA, a Selección de Chicago e a San Francisco. Ante Beijing, Galiza venceu por 5-09 (24) a 0-01 (1). O partido foi de total dominio galego chegando constantemente os xogadores do medio do campo ás proximidades da portería chinesa. A superioridade plasmouse en feitos como a exhibición goleadora de Juan Mejuto, xogador de traballo dos Ártabros de Oleiros pouco habitual nestas lides, quen rematou marcando 2 goles e 3 tantos a paus.

O segundo partido supuña un obstáculo importante de cara ao terceiro posto, pois a Selección da Asociación de Chicago era unha das grandes favoritas. Con todo, Galiza gañou con moito esforzo para entrar no derradeiro encontro polo 3º posto, após unha axustada vitoria por 3-04 (13) a 1-07 (10).

Despois dun día magnífico, a final de consolación (Plate) contra San Francisco era a guinda necesaria. O partido decantouse para a nosa Selección, cun contundente 5-08 (23) a 1-02 (5), no que os galegos despregaron un xogo ofensivo e de calidade.

Pola súa parte, a selección feminina gañou a final de consolación do Mundial de Dublín levantando o trofeo da  “Shield Cup”. Após perder con Francia na segunda rolda, voltaban enfrontarse a elas nesta final. A Selección Galega puido redimirse e impúxose ás galas no encontro que daba acceso á copa Shield.

O inicio do partido cun primeiro parcial de 6-0 para as francesas non facía prever o bo resultado final, mais as xogadoras galegas, lonxe de virse abaixo, aproveitaron o seu bo estado físico pelexando cada balón dividido, conseguindo darlle a volta ao resultado para rematar gañando por 3-03 (12) a 2-05 (11). De novo, o enfrontamento entre Francia e Galiza remataba cun punto de diferenza, mais nesta caso favorecía ás galegas, que puideron levantar o trofeo.

Ao remate do encontro os seleccionadores, Jerry Holmes e Carlos Torres, e todas as nosas representantes adicaron esta última vitoria a todas as galegas e galegos, ás compañeiras que por lesión ou decisión técnica quedaron na casa e tamén a todas as rivais neste Campionato.

Remate da competición

Con isto, péchase a participación galega nos GAA World Games, coa selección masculina mantendo un lugar de privilexio no podio, a pesar do aumento de nivel desta edición. Galiza segue na elite do fútbol gaélico e a selección feminina corroborouno, gañando a final de consolación, mais por riba de todo co nivel demostrado que superou ao plasmado o pasado ano en Abu Dhabi.



x