Goleada do Celta a lombos da “dor e rabia” polos incendios (2-5)

Goleada do Celta a lombos da “dor e rabia” polos incendios (2-5)
Imaxe: RC Celta
Imaxe: RC Celta  

 ‘Hat trick’ de Iago Aspas nun partido moi especial e que leva os celestes a escalar até se situar a 3 puntos dos postos europeos.


Era un partido que había que gañar e gañouse. Non só polos tres puntos, non só por ir o equipo collendo forma e soltura para deixar atrás un inicio de tempada con dúbidas. Había que gañalo porque en Vigo e Galiza moitos esperaban esa vitoria como pequeno contributo (deportivo) fronte aos incendios. Tíñao claro o Celta, que saltou ao campo (tamén os canarios) coa camisola negra lexendada cun “Dor e Rabia”e con lembranza non só para Galiza mais tamén para Portugal e Asturies.

 

O Celta goleou (2-5) e fíxoo embora xogar 40 minutos cun home menos após a expulsión do porteiro celeste, Rubén. Dáselle ben aos celestes o de ir de visitantes. No partido anterior venceran en Eibar por catro goles a cero. Fronte ás Palmas o Celta foi superior mais non tanto como pode dar idea o marcador.

 

De feito, as Palmas armouse ben en defensa e cando tiña a pelota tiña claro o que facer con ela. O acerto goleador celeste (no minuto 20 gañaba por 0-2), porén, fixo que o equipo galego fose cada vez a máis. Un pulo no que destacou Iago Aspas, con tres goles que barrenan a seca goleadora do de Moaña. Un Aspas que mostrou o orgullo como galego dun pobo que combateu os incendios, lembrando o Prestige (Aspas é fillo de mariscadora).

 

Os canarios non se renderon nunca. Coa expulsión de Rubén aproveitaron para se vir arriba, mais os seus dos goles pouco puideron facer fronte aos 5 goles do Celta.

 

Ficha técnica

As Palmas (2): Chichizola, Míchel Macedo (Lemos, min.63), David García, Bigas, Borja (Vitolo, min.62), Aquilani, Hernán, Jonathan Viera, Momo (Rémy, min.46), Oussama e Calleri

 Celta (5): Rubén, Jonny, Cabral, Sergi Gómez, Pablo Hernández (Radoja, min.79), Lobotka, Jozabed (Fontás, min.64), Wass, Emre Mor (Sergio min.55), Sisto e Aspas

 Goles: 0-1, min.16: Emre Mor; 0-2, min.20: Iago Aspas; 0-3, min.49: Iago Aspas; 0-4, min.71: Tucu Hernández; 0-5, min.76: Iago Aspas; 1-5; min.90: Vitolo; 2-5, min.93: Rémy

Árbitro: Medié Jiménez, comité catalán. Expulsou Rubén con cartón vermello directo (min..51) e amoestou  Jozabed, Bigas, Aquilani

 Campo: Estadio de Gran Canaria. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas dos incendios.



x