Lucas Pérez... o espírito volta a casa

Lucas Pérez... o espírito volta a casa
Lucas, tentando sortear o gardamallas rival
Lucas, tentando sortear o gardamallas rival  

No futebol ás veces o básico está no que non se toca, no intanxíbel, o que non é visíbel nen fotografável, o que non se pode rexistar dixitalmente mais que está aí, ten peso. Chámenlle alma, chámenlle espírito. Iso. Iso é o que acaba de voltar a Riazor. Lucas Pérez is back. O Dépor ficha (ben, en realidade recebe unha cesión) o seu futebolista franquicia. Compra (si, isto é un mercado) goles e asistencias. Mais sobre todo compra o que só el podía oferecer: compromiso, paixón, electricidade. Patriotismo branquiazul? Tamén. Non lle teñamos medo ás palabras.

 


O espírito volta a casa. O espírito é apertar os dentes e correr, correr, correr, como se non houbese mañá, como se cada partido fose a final da Champions. Premer o rival. Percutir. Bourar. Pór o ollo sempre na baliza, na portería contraria. Levar o corpo ao límite. Non se dar un descanso nen nos treinos. O espírito é Lucas Pérez e Lucas Pérez é algo así como o tipo que pode, sobre o verde de Riazor, reconectar coa mellor memoria da casa. A ver, Lucas nen é Bebeto nen é Fran González Pérez -desenganémonos: a historia non ten volta atrás- mais se alguén pode abrir un pórtico a unha nova era non marcada por salvacións agónicas no último minuto do desconto do último partido de liga, ese alguén é este punta de Monelos, pura materia prima coruñesa, fillo das clases populares da cidade galega, rapaz que se abriu paso a golpe de coraxe e determinación, a vida non lle foi fácil nen regalada.

 

Lucas só tiña unha opción unha vez que Arsène Wenger, o atildado e un chisco elitista treinador do Arsenal lle vedara o acceso á equipa titular do Arsenal, un dos grandes da Premier. A opción era o retorno. Non a trocou por máis euros en equipas de maior orzamento, da liga estatal ou dalgúns campionatos de tronío europeu. Lucas é o espírito e o espírito ás veces ten visións. E a visión era a volta e a restauración, a restauración en Riazor dunha construción, a do Dépor como equipa gañadora, mancada nos últimos anos polos embates das finanzas, o ingrato xogo do equilibrio entre ingresos e gastos, a vertente financeira do xogo, o colapso do clube, o capitalismo de casino chegou tamén ao futebol e mandou parar, e a roda non ten trazas de frear, eis a inflación que a loucura Neymar (222 millóns de euros? Quen pode valer 222 millóns de euros?) acaba de resgatar neste negocio.

 

Co espírito de volta sobre o relvado de Riazor, o Dépor ten argumentos de sobra para ver a vida con outros ollos. Lucas, alén de mais, é dos futebolistas menos egoístas do orbe. Non veu a este mundo para pensar só no seu lucimento, na exhibición impúdica do seu don. Non, o seu espírito é solidario, é gregario, social, existe para se espallar, para contaxiar. O deporte é asociación. Con Lucas sobre o campo o resto da equipa sentirá o seu mesmo arreguizo, a súa mesma excitación: ninguén que se poña a súa mesma camiseta pode substraerse ao seu espírito, tal é o poder do intanxíbel neste xogo. Sen alma, sábeno ben as e os fregueses de Riazor, ás máis das veces a materia non serve, non é de abondo, para conseguir a vitoria.

 

Benvido neno.

 

[O retorno de Lucas Pérez ao Dépor chega en forma de cesión por unha temporada, sen opción a compra. O clube galego vai desembolsar 4 millóns de euros].



x