Lucas Pérez sela o primeiro hat trick dun futbolista galego na Champions

Lucas Pérez sela o primeiro hat trick dun futbolista galego na Champions
Xhaka abraza Lucas após un gol do coruñés
Xhaka abraza Lucas após un gol do coruñés  

O atacante coruñés marcou os tres primeiros goles do Arsenal en Basilea (1-4).


Lucas Pérez reivindicouse esta terza feira nun partido da máxima exixencia competitiva no torneo internacional de maior nível do planeta futebol. Foi en Basilea. A súa equipa xogaba ficar como primeiro de grupo e, así, evitar os cruzamentos máis comprometidos nos oitavos de final. Obxectivo conseguido, en grande parte polo instinto goleador do dianteiro de Monelos.

Lastrado por molestias físicas, Lucas aínda non oferecerá a súa mellor imaxe en Londres. Na Premier apenas disputou tres xogos, sen ningún gol. Estreárase como realizador na Copa, con dous tantos. Esta terza feira, xa liberado das lesións, competía por segunda vez na Champions e desta volta foi o futebolista franquicia da equipa, co seu primeiro hat trick desde que aterrou na illa británica.

Lucas exhibiu a súa intelixencia natural, a que o leva a estar sempre no lugar xusto no momento apropiado

Lucas exhibiu a súa intelixencia natural, a que o leva a estar sempre no lugar xusto no momento apropiado. As súas dúas primeiras dianas foron de 9 puro. O terceiro foi máis un clásico del, arrancada, potencia e disparo inasequíbel para o gardamallas. Instinto de depredador, e sensatez para se asociar sempre cos mellores, neste caso con Alexis Sánchez e Özil, dous futbolistas que calquera quixera ter ao seu carón sobre un tapete verde.

A imprensa británica destacou que por fin se viu o home dos 17,1 millóns de libras - a £17,1m striker, segundo a mercantilista expresión utilizada por The Guardian- o monto que custou a súa fichaxe ao Arsenal.

Así foi o primeiro hat trick dun futbolista galego na Champions. O anterior triplete nacional na máxima competición continental de clubes asinouno nos 60 do pasado século outro coruñés, Amancio Amaro, nas filas do Real Madrid, cando o torneo se disputaba inteiramente baixo o formato de eliminatorias e se chamaba Copa de Europa.