Músculos galegos para fornecer traiñeiras vascas e cántabras

Músculos galegos para fornecer traiñeiras vascas e cántabras
Urdaibai, vixente campioa da ACT, ten nas súas fileiras e remeiros galegos. Imaxe: Maider Celada
Urdaibai, vixente campioa da ACT, ten nas súas fileiras e remeiros galegos. Imaxe: Maider Celada  

Oito dos doce barcos que compiten na elite do remo, a Liga ACT, teñen galegos no seu plantel embora só tres embarcacións sexan de Galiza. O Grove lidera a táboa de orixes dos remeiros galegos a suar na bancada de clubs de Cantabria e Euskal Herria.


Xa vai quedando menos para o inicio dunha nova tempada de traiñeiras, cita marcada no noso país pola LGT, Liga Galega de Traiñeiras, e no norte do Estado pola Liga San Miguel ou ACT, onde compiten a 'elite’ das embarcacións. Nesa exixente competición volverá haber esta tempada tres traiñeiras galegas: co seu ascenso, Ares sumouse a Tirán e Cabo de Cruz.

Mais a presenza de remeiros galegos vai máis alá das embarcacións galegas. Este ano haberá vogadores de Galiza en 8 das 12 traiñeiras que fan parte da ACT: nas tres galegas, na cántabra de Astillero e nas vascas de Kaiku, San Pedro, Ziérbana e Urdaibai, a vixente campioa. Un total de 14 remeiros galegos competirán na liga San Miguel facendo parte de planteis de clubs non galegos. Na tempoada anterior (2016) había presenza galega nun total de seis clubs, dous menos que nesta.

Nas traiñeiras de Cabo de Cruz e Ares, a totalidade dos seus remeiros son galegos e a gran maioría saídos da canteira. Tamén en Tirán, embora aquí voguen dous remeiros que non son de orixe galega. A embarcación non galega da ACT con maior número de vogadores de Galiza son Ziérbana e Kaiku, con catro en cada unha, seguida de Urdaibai, con 3, Astillero, con 2. Kaiku e San Pedro  teñen cadanseu vogador galego.

Deses 14 galegos que poñen suor e músculo a competir en bancadas de traiñeiras non galegas a maioría son do Grove, catro. Nada a nos estrañar vista a gran tradición que hai nesta vila arousá polo remo e con dous clubs, Mecos e Amegrove, que figuran entre os clásicos do noso país. Os grovenses reman en Urdaibai e Ziérbana,

De Ferrol hai dous remeiros enrolados en clubs non galegos da ACT. Ambos están en Kaiku, embarcación que acabou terceira na anterior tempada. Cun vogador figuran Muros, Esteiro, Moaña, Noia, A Coruña, Bueu, A Pobra do Caramiñal e Vigo.

Na Liga ACT só hai catro barcos sen ningún galego na súa tripulación: Hondarribia, Ondarroa, Orio e San Juan.

 



x