O VINDEIRO 8 DE AGOSTO ÁS 19H PRIMEIRO PARTIDO CONTRA A ANFITRIOA, IRLANDA DO NORTE

Nuria Rábano xogará a Eurocopa Sub-19 en Irlanda do Norte

Nuria Rábano xogará a Eurocopa Sub-19 en Irlanda do Norte
Nuria Rábano Foto: RC Deportivo
Nuria Rábano Foto: RC Deportivo  

O RC Deportivo subiu ao tren do fútbol feminino este curso. A absorción das equipas desta modalidade do Orzán permitiu crear unha estrutura nada dunha engrenaxe en movemento, e a equipa blanquiazul está de parabéns após publicarse a lista oficial das 23 convocadas, entre as que se atopa Nuria Rábano, para xogar a Eurocopa Sub-19.


O dezaseis de marzo facíase realidade a promesa de Tino Fernández cando chegou ao cargo: o fútbol feminino regresaba ao clube de Praza Pontevedra, recollendo a estela do Karbo dos anos 80. Manu Sánchez asumiu o control da bancada da primeira equipa, que milita nunha difícil Segunda División Estatal e, coa ilusión do ascenso máis que a obriga, a equipa realizou unha pretemporada excelsa a nivel de resultados coa Copa Deputación e o Teresa Herrera nas súas vitrinas. O Oviedo Moderno impediu as súas opcións de pegar o salto á Liga Iberdrola nunha dura competición onde so a campioa de grupo ten opción de ascenso vía promoción.

 

Alias, non imaxinaban recibir tan boas novas este verán. Após de facerse oficial a lista das 23 convocadas para xogar a Eurocopa Sub-19, o Deportivo Abanca está de parabéns e a súa dianteira, Nuria Rábano, é a principal culpábel. A xogadora adestrou na Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid) desde o pasado 24 de xullo até facerse pública a lista definitiva de convocadas. Nuria viaxará a Belfast desde Madrid o vindeiro 6 de agosto para disputar a Fase Final do Campionato de Europa en Irlanda do Norte que chegará ao seu fin o 21 de agosto.

 

A selección estatal quedou cadrada no grupo A xunto a Irlanda do Norte, Alemaña e Escocia. Após da eliminación en cuartos da Selección Feminina Absoluta da Eurocopa de Holanda, toca apoiar á sub-19! O vindeiro 8 de agosto ás 19h enfrontaremos a anfitrioa do torneo.

 

As primeiras profesionais de Galiza

 

A finais do pasado ano a sección feminina recibiu o respaldo definitivo chegado da man de  Abanca, unha das entidades bancarias máis importantes do territorio, que plasmou o seu compromiso co clube ao pasar a patrocinar case en exclusiva esta sección. A cambio, as equipas denomínanse Depor Abanca e Depor Abanca 2 pasando a recibir esa nomenclatura de xeito federativo a partires do próximo curso.

 

A chegada dunha equipa profesional ao fútbol feminino trouxo tamén as primeira licencias nesta modalidade en Galiza. Raquel Béjar e Tere Abilleira rubricaron o primeiro contrato profesional dunha xogadora en terras de Rosalía de Castro. O obxectivo a medio prazo é claro, o ascenso á Liga Iberdrola. Xogadoras como Estefi, Lía ou Raquel chamaron a atención de grandes clubes. O duro traballo agora mesmo da dirección deportiva é reter ás xogadoras claves, reforzando aínda máis a equipa.



x