O Celta cae con orgullo

O Celta cae con orgullo
Imaxe: Europa League
Imaxe: Europa League  

O propio adestrador do Manchester, Mourinho, recoñeceu que os celestes foran superiores. Foi un encontro épico, no que o Celta abeirou a fazaña de remontar e clasificarse para a final da Europa League. “Volveremos”, dixo Iago Aspas. “Campións, campións” cantaron aos xogadores, finalizado o partido os máis de 2.000 seareiros galegos presentes en Old Trafford. 


O partido finalizara xa había un bocadiño. Old Trafford baleiro agás na zona do estadio onde estaban os 2.000 afeccionados da armada celeste que viaxaron até Manchester para vivir o soño europeo. Os xogadores do Celta volven ao campo para, moitos aínda coas bágoas da derrota na faciana, agradecer o apoio. Entón, ao unísono, as 2.000 gorxas galegas cántanlles “campións, campións”.

O Celta abeirou a fazaña. Puxo contra as cordas a equipa de Mourinho. “Un grupo de rapaces, de amigos, atrincheiramos o Manchester na súa casa, con xogadores de  40, 50 ou 120 millóns de euros”, resumiu Iago Aspas, corazón e alma do celtismo. “Volveremos”, engadiu, convencido el e convencida a afección.

Foi un Celta atrevido, sen complexos, que saíu a polo encontro desde o minuto cero e sen sentir o peso do Teatro dos Soños nas súas costas. Diso encargouse unha afección celeste exemplar, que non deixou de animar nin un segundo e que se fixo notar en Old Trafford. O temperá gol do Manchester, nun erro de marcaxe celeste, provocou uns minutos de desconcerto na equipa de Berizzo, foi aí o único momento no que semellaba que o Celta non cría en que for posíbel remontar. Pouco durou a dúbida. Axiña a equipa volveu facerse co control da bola, movéndoa á procura de ocos no muro manchesteriano. Pione Sisto brillou nos últimos minutos da primeira metade, tanto nos seus dous remates como na asistencia nun centro que Wass rematou fóra.

Na segunda metade o Celta despregou un xogo ao que lle faltou concretar nos últimos metros. O Manchester, o equipo máis rico do mundo, xogaba na casa a manter a ventaxe. O Celta insistía, mais sen éxito. Até que no minuto 85 Rocanglia empatou. Entón todo era posíbel embora só ficasen 5 minutos por diante. Sóuboo Mourinho e o seu equipo xogou a perder tempo e a enlamar con leas. No último segundo do encontro o Celta tivo a oportunidade mais Guidetti non deu rematado unha bola que os celestes xa berraban como Gol e os manchesterianos xa maldecían coa palabra de catro sílabas. Desta volta, a sorte non acudiu á cita. Non hai problema. Sabemos agardar. Xa o dixo Aspas: “Volveremos”.

Ficha

Manchester UTD (1): Romero, Valencia, Bailly, Blind, Darmian, Herrera, Fellaini, Pogba, Lingaard (Rooney, min. 86), Mkhitaryan (Carrick min. 77), Rashford (Smalling min.89).

 Celta (1): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Jonny, Wass (Jozabez, min.45), Radoja (Bongonda, min. 68), Pablo Hernández, Sisto (Beavue, min. 80), Aspas e Guidetti

Goles: 1-0, m.17: Fellaini. 1-1, m.85: Roncaglia.

Old Trafford: 75.038 espectadores.

O árbitro expulsou Bailly e Roncaglia. Cartóns amarelos para Iago Aspas polo Celta e Blind, e Herrera do Manchester United.

 



x