O presidente da Federación Española de Fútbol, Ángel María Villar, detido por corrupción

O presidente da Federación Española de Fútbol, Ángel María Villar, detido por corrupción
Ángel María Villar, presidente da Real Federación Española de Fútbol  Foto: RFEF
Ángel María Villar, presidente da Real Federación Española de Fútbol Foto: RFEF  

A Garda Civil detivo esta mesma mañá, entre outras persoas, ao presidente de Federación Española de Fútbol, Ángel María Villar. Fontes de investigación apuntan que o seu fillo Gorka e Juan Padrón, vicepresidente económico da Federación, tamén foron detidos por estaren, presuntamente, envoltos na ‘Operación Soule’.  


A ‘Operación Soule’, ordenada pola Audiencia Nacional en colaboración coa Fiscalía Anticorrupción, está a ser supervisada polo xuíz Santiago Pedraz. A Unidade Central Operativa (UCO) está a realizar unha investigación moi exhaustiva con rexistos na sede da Federación e o despacho do presidente, Ángel María Villar.

 

As empregadas e os empregados da Federación seguen, nestes momentos, as instrución dos axentes e atópanse nos corredores das oficinas da Cidade do Fútbol de As Rozas sen poder ocupar os seus postos de traballo nin usar os computadores. Esta terza feira esperábase un día de moito traballo, pois estaban a preparar a reunión onde se decide o calendario da liga que estaba prevista dar a coñecer a vindeira quinta feira.

 

A operación, ordenada polo xuíz Pedraz, investiga a presunta corrupción do presidente da Federación, Ángel María Villar, e do seu fillo Gorka por suposta administración desleal, falsidade documental, corrupción entre particulares e apropiación indebida, todo isto en relación coa organización de partidos internacionais.



x