SOLANGE PEREIRA, ANA PELETEIRO E BELÉN TOIMIL

Tres atletas galegas competirán nos Mundiais de Londres

Tres atletas galegas competirán nos Mundiais de Londres
Ana Peleteiro
Ana Peleteiro  Foto: TVG

O Comité Técnico da Federación Española de Atletismo (RFEA) deu a coñecer a equipa seleccionada que ha competir no próximo Campionato do Mundo de Londres, que se ha disputar entre os días 4 e 13 de agosto no Estadio Olímpico da capital británica. Un total de 55 atletas integran a equipa estatal, 21 mulleres -entre as que se atopan tres galegas- e 34 homes.


Entre as 21 atletas seleccionadas están as nosas deportistas Solange Pereira, Ana Peleteiro e Belén Toimil. A canguesa Solange Pereira ha tomar parte na proba dos 1.500 metros coa mellor marca persoal acreditada este ano de 4:06:39. Amais, o recente título de Campioa de España, logrado após unha final moi competida, sen dúbida ha servir para que afronte con máis gañas esta cita mundial. As primeiras semifinais están programadas para as 20.35h do 4 de agosto e a final está prevista para o día 7 ás 22.50h.

 

Após estar a completar unha das súas mellores temporadas, Ana Peleteiro achégase a estes mundiais despois de acadar a súa mellor marca persoal con 14.22 metros e se proclamar Subcampioa de Europa Sub-23 e Campioa Estatal a pasada fin de semana. O concurso da atleta do Barbanza vai dar comezo ás 12h do día 5 de agosto sendo a final o día 7 de agosto ás 21.25h.

 

A grande sorpresa da convocatoria foi Belén Toimil. A atleta de Mugardos, que ha competir na disciplina de lanzamento de peso, porá a guinda a súa espectacular temporada coa participación nos Mundiais de Londres. A clasificación da disciplina de lanzamento de peso será ás 21.40h do 8 de agosto e a final está programada para as 21.25h do día 9.



x