Tirán desbanca Cabo do trono das traiñeiras galegas

Tirán desbanca Cabo do trono das traiñeiras galegas

A embarcación conquista o campionato galego, poñendo así fin a tres anos consecutivos de hexemonía da embarcación de Cabo de Cruz.


Tirán reclama o trono de rei do remo en Galiza. A embarcación do Con conquistou este 25 de xullo en augas de Meira o Campionato Galego de Traiñeiras, un título que nos tres últimos anos (2016, 2015 e 2014) fora para Cabo de Cruz. A embarcación barbanzán finalizou terceira, superada por Samertolameu de Meira, anfitrioa da proba na que tomaron parte 15 traiñeiras de diferentes portos do país.

 

Tirán impúxose con contundencia e claridade. Marcou un tempo de 19:27:97, sacando case 11 segundos de diferenza aos segundos clasificados, Meira. Os de Samertolameu fixeron unha regata para tirar de chapeu e amosaron nas augas a calidade e potencia da Liga Galega, que colocou dous barcos entre os cinco primeiros da proba. Cabo foi terceira e o cuarto posto conquistouno A Pobra, que superou a Ares, que compite na elite da ACT.

 

Coa vitoria deste 25 de xullo, Tirán recupera unha bandeira –a de campión galego- que non era quen de ondear desde 2013. Ese ano conquistara o seu quinto campionato galego consecutivo.

 

Na categoría feminina, a vitoria foi para as remeiras de Mecos-Ribeira, que se impuxeron ás de Cabo, Chapela e Perillo. 



x