Un total de 270 deportistas competiron a fin de semana no XXIX Tríatlon do Miño

Un total de 270 deportistas competiron a fin de semana no XXIX Tríatlon do Miño
Podio feminino, Joselyn Brea campioa do XXIX Tríatlon do Miño
Podio feminino, Joselyn Brea campioa do XXIX Tríatlon do Miño  

Joselyn Brea e Antonio Serrat (ambos do Tri-Penta Terras de Lugo) proclamáronse esta fin de semana vencedores do Tríatlon do Miño, segunda proba do Circuíto Galego e clasificatoria para o Campionato Galego, que contou este ano cunha ampla participación.


O XXIX Tríatlon do Miño disputouse sobre a distancia sprint [750 metros de natación, 19 quilómetro e medio de bicicleta e 5 quilómetros de carreira a pe], con saída, transición e liña de meta na área creativa Os Robles. Este ano, 270 deportistas competiron para se facer un oco no Campionato Galego de Tríatlon.

 

Na proba feminina, a cadete Lorena Díaz (Natación Coruña) logrou o mellor parcial na natación chegando a ter unha distancia de corenta segundos respecto da segunda clasificada, mais a medida que avanzou a proba apareceron as favoritas. Joselyn Brea logrou o triunfo (1:09:11), deixando atrás Sharon Belén García (Cidade de Lugo Fluvial) na última volta da carreira a pé. A triatleta do Cidade ocupou a segunda posición a 16 segundos, mentres que Esther Rodríguez (Cidade de Lugo Fluvial) logrou o terceiro chanzo no podio (1:09:42).

 

A pequena das Brea, Edymar, rematou na cuarta posición, despois de facer unha grande remontada, sendo que foi a máis rápida no segundo e terceiro segmento.

 

Na categoría masculina, Antonio Serrat confirmou a súa categoría de actor principal. Saíndo da auga en segunda posición, por detrás de Carlos Brión (Natación Riveira), pasou a liderar a proba en bicicleta e non baixou o ritmo até chegar a meta en solitario e cunha enorme superioridade (59:55). O segundo posto foi para Iago Lorenzo (Tri-Penta Terras de Lugo), que foi de menos a máis para alcanzar o podio despois dun magnífico segmento de carreira a pé. O terceiro posto foi para Alejandro Álvarez (Cidade de Lugo Fluvial) cun tempo de 1:01:20.



x