O treinador do Fabril substituirá Pepe Mel ao fronte do Deportivo até o final da temporada

O treinador do Fabril substituirá Pepe Mel ao fronte do Deportivo até o final da temporada
Pepe Mel
Pepe Mel  

Exposto a un ultimato após outro, caeu Pepe Mel a mans do Girona no que probabelmente tampouco foi o pior dos xogos dirixidos polo treinador madrileño. Mel fracasou por non ser capaz de achar un mínimo equilibrio no plantel, ora angustiado ora apático. Nunca foi capaz de dar unha mínima coherencia a unha equipa que en teoría esta temporada está chamada a non pasar apuros.


A noticia do cesamento de Mel foi comunicada polo Deportivo por meio dun comunicado pendurado na súa web por volta das 16.30 horas. O treinador madrileño deixa a equipa con 8 pontos após 9 partidos disputados (2 vitorias, 2 empates, 5 derrotas), dous pontos por cima do descenso. O presidente do clube, Tino Fernández, ten marcado como obxectivo para esta temporada manter a categoría sen maiores complicacións e concluír o campionato máis perto da décima posición do que da décimo oitava, nas proximidades das cais o Deportivo morou nos últimos torneos.

 

Mel superou agonicamente o ultimato contra o Getafe (2-1), mas a equipa penou en Ipurúa (conseguiu un pobre empate sen goles face o pior Eibar en anos) e caeu esta segunda feira en Riazor (1-2) nun xogo en que o combo galego deixou ver a súa extraordinaria fraxilidade emocional, a que o leva a se desequilibrar en canto recebe un tanto en contra ou algunha contrariedade se aparece en forma de penalti inxusto ou gol anulado por off side.

 

En realidade, Mel nunca se fixo coa equipa, salvo os primeiros xogos á súa chegada a Riazor na pasada campaña, cando sumou un valioso empate en Riazor face o Atlético de Madrid ou consumou a fazaña de vencer na casa o Barcelona de Messi, unha derrota que lle custaría o título de liga á escadra catalá.

 

O Deportivo con Mel nunca tivo un xogo recoñecíbel e a impresión que deixa nas bancadas é un pouco a mesma que inspiraba a equipa na tamén infausta época de Víctor Fernández, é dese tipo de treinadores que non son capaces de adaptar a súa proposta futbolística á materia humana que teñen no vestiario. Abocado a disputar a liga nas zonas abisais da clasificación, o mandamento número un debe ser o da solidez defensiva. Mel nunca coidou suficientemente esa faceta e por aí perdeu o control do xogo, tamén o apoio dos futebolistas.

 

Será Cristóbal Parralo, o treinador do Fabril, o que asuma o mando até final de temporada, informa o clube. Con el no banco, o filial deportivista lidera o grupo I da Segunda B, categoría á que ascendeu á conclusión do pasado curso. 



x