LINO LÓPEZ, ADESTRADOR DO STAR CENTER UNI FERROL

“Ver como Ferrol volve ilusionarse co baloncesto é un soño”

“Ver como Ferrol volve ilusionarse co baloncesto é un soño”
O plantel do Uni Ferrol desta tempada
O plantel do Uni Ferrol desta tempada  

O Star Center Uni Ferrol recibe a terza feira o Perfumerías Avenida nas semifinais da Liga Feminina de baloncesto. É o primeiro equipo que as disputa desde que en 2004 o fixera o Ensino de Lugo


Lino López (Ferrol, 1976) está a vivir o mellor momento da súa traxectoria profesional no mundo do baloncesto. Como xogador chegou a debutar na ACB co mítico OAR e durante máis de dez tempadas competiu na liga LEB. Agora, xa como adestrador do Star Center Uni Ferrol, está a gozar dun capítulo histórico no deporte da súa cidade: as semifinais da Liga Feminina, unha fase á que non chegaba ningún equipo galego desde o ano 2004, cando as xogara o Yaya María Ensino de Lugo. O clube celebra este ano o seu vixésimo aniversario e nin os máis optimistas podían pensar daquela que o farían disputándolle o pase á final da competición ao todopoderoso Perfumerías Avenida. A terza feira, ás 21.00 horas no pavillón de Esteiro, teñen a oportunidade de empatar a serie e levala ao derradeiro choque.

-Como está a vivir este momento histórico para o baloncesto da cidade?

O obxectivo ao comezo da tempada era intentar facer un equipo competitivo e seguir en Liga Feminina o ano que vén. Por iso, vivir agora mesmo unhas semifinais de título de Liga contra un dos mellores equipos de Europa como o Perfumerías Avenida de Salamanca é para nós un soño. Evidentemente, agora que estamos aquí, intentamos traballar na mesma liña que mantivemos ao longo da tempada para tratar de seguir sendo competitivos e pór nos maiores atrancos posíbeis ao noso rival.

-Que mudou nun equipo que estaba feito para manter a categoría para estar nesta fase da competición?

Son varios factores. Eu creo que houbo unha aspecto moi importante, que é que mantivemos sete xogadoras da tempada anterior. Iso fixo que tiveramos un maior coñecemento do xogo, máis acoplamento, os roles de cada unha de nós máis ou menos asumidos e, aínda que a baixa de Laura Quevedo con respecto ao ano pasado foi moi importante, outras xogadoras asumiron ese rol. Tamén tivo moito que ver acertar coa americana, Shacobia Barbee, e que o clube fixera un esforzo enorme na xestión dos desprazamentos. O ano pasado moitas das viaxes fixémolas no propio día; este houbo varias nas que puidemos viaxar o día anterior e iso axudounos a chegar nunhas condicións idóneas para encarar os partidos e poder competir. É unha mestura de todo isto, unido á conxunción do equipo, no que todas as xogadoras buscan o ben colectivo por riba do individual. Aínda que houbo contratempos moi grandes como a baixa de Megan Podkova, a americana que ficharamos no verán antes de principiar a liga, que nos fixo estar un mes sen americana; que Maggie Lyon marchase en Nadal a Estados Unidos ou a lesión de Ana Suárez antes da Copa; aínda con todo iso, o equipo deu un paso cara adiante e as xogadoras asumiron roles e posisións ás que non estaban afeitas… O equipo viuse reforzado por todo ese traballo e toda esa presión.

O partido de volta en Esteiro o martes. Como cres que está a responder o público?

Xa o dixen despois do primeiro partido das semifinais. Ver que máis dun cento de persoas viaxan a Salamanca, que se pegan sete horas de bus para ir ver o partido, que están dúas horas antes do partido animándonos… Iso xa é un premio, por riba de gañar ou perder. Ver como unha cidade como Ferrol volve ilusionarse co baloncesto, totalmente envorcada con nós, as entradas esgotadas… Iso é indescriptíbel e para min, que son de Ferrol, poder vivilo en casa está moi por riba de calquera resultado. 



x