'Psicoterrorismo' de Autobuses Calo contra unha condutora por exercer o dereito a ser nai e traballadora

'Psicoterrorismo' de Autobuses Calo contra unha condutora por exercer o dereito a ser nai e traballadora
A Inspección de Traballo advirte mobbing, psicoterrorismo e acoso laboral no trato de Autobuses de Calo á condutora Nélida Pisco. A CIG reiniciará as mobilizacións e exixe á Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade

A Inspección de Traballo vén de emitir unha acta de infracción contra a empresa Hedegasa -Autobuses de Calo- valorando a súa actitude contra a condutora, Nélida Pisco, “como constitutiva de mobbing, psicoterrorismo e acoso laboral”, segundo vén de anunciar a CIG. Esta traballadora vén padecendo desde hai tres anos todo tipo de discriminacións e acoso,"chegándose mesmo ás agresións físicas, por pretender exercer o seu dereito a ser nai e condutora desta empresa de transportes". Ante isto, a CIG anunciaba  que reiniciará as mobilizacións, exixindo da Xunta de Galiza a súa intervención neste asunto que considera de extrema gravidade.

p

O caso de Nélida Pisco non é un máis, afirman desde a central nacionalista. Trátase dun caso paradigmático de discriminación laboral por cuestión de xénero. Así, Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG lembra que esta acta da Inspección chégalle á traballadora tras padecer “todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas, sen que nin por parte da dirección da empresa, nin da Dirección Xeral de Transportes e Mobilidade da Xunta de Galiza, responsábeis da concesión de licenzas públicas das que desfruta a empresa, teñan avanzado paso algún para pór fin a esta situación”.

A condutora padeceu durante 3 anos todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas

Proposta de sanción

Tal é así que a acta emitida pola Inspección de Traballo, tras tres meses de actuacións, “é demoledora”. Dá por comprobados todos os feitos e, alén de cualificar a súa actuación como constitutiva de mobbing, fai unha proposta de sanción.

Ante isto, Inácio Pavón, representante da FEGAMT-CIG, exixe da Xunta de Galiza a súa inmediata intervención. Lembra que “é a Consellaría de Traballo e Benestar a quen lle corresponde cuantificar economicamente a sanción” -que pode ir desde os 6.000 até os 187.000 €, en función da súa gravidade- e que “non é a primeira ocasión na que quedan no caixón, pasándose os prazos legais e quedando se efecto para as empresas infractoras”.

Subliña que a CIG ante a gravidade dos feitos, non pasará tampouco porque se lle aplique unha sanción pequena e lembra que Hedegasa é unha empresa “potente”, que mesmo ten a concesión de parte do transporte metropolitano de Madrid. Lembra ademais que foi a Xunta é responsábel da concesión a Hedegasa, que a prorrogou en abril de 2010, por outros 10 anos, e que xustamente unha das cláusulas era a contratación de mulleres, cando a única condutora segue a ser Nélida Pisco.

Neste sentido, acusa á empresa de dar cobertura moral a unha situación de acoso laboral “máis que demostrado” á que se engade unha agresión física -pendente de xuízo-. Considera que isto convértea en “responsábel moral”, máis cando esa agresión é froito “da situación que a empresa creou, denigrando á traballadora e deixándoa á marxe dunha situación laboral normal”.

Anuncia que a CIG reiniciará as mobilizacións, en suspenso a petición da propia Inspección e por mor dos intentos de negociación entre Hedegasa e a traballadora. Negociacións que non chegaron a ningún acordo, segundo a propia Inspección “pola posición inflexíbel da empresa”.

Adianta, ademais, que a CIG non vai rematar aquí coas actuacións legais, denunciando o acoso laboral no xulgado do Social e que unha vez se teña a sentenza se iniciará o procedemento pola vía penal “solicitando as máximas penas para os responsábeis directos desta situación, que son os máximos responsábeis da empresa”.

Tres anos de acoso constante

A secretaria confederal de Muller lembra que a situación de acoso comezou no ano 2009, tras Nélida solicitar as vacacións e unha redución de xornada para coidar á súa filla, logo de incorporarse da súa baixa de maternidade. A empresa negoulle ambos os dereitos o que provocou a presentación dunha demanda no Xulgado do Social na que se lle dá a razón.

Durante todo este tempo, no que persistiu a situación de acoso e mesmo cunha “agresión machista por parte do encargado da empresa”, en decembro de 2011, a empresa intentou que a traballadora abandonara o seu posto de traballo, asegura Corral. “Mesmo recibiu ofertas económicas”, engade Pavón, pero ela o único que quere, e así o afirma, é seguir sendo condutora de autobuses mileurista, manter o seu posto de traballo e poder coidar á súa filla”.



x