O ACORDO DA OPEP ENTROU EN VIGOR O 1X

1,7 millóns de barrís de petróleo menos ao día

1,7 millóns de barrís de petróleo menos ao día
Pozos petrolíferos en Angola
Pozos petrolíferos en Angola  

Por vez primeira desde 2008, os países produtores agrupados na OPEP acordaron reducir a produción. En apenas un mes o prezo do brent disparouse: desde os 46 até os 56 dólares. O aumento destes valores resultará nas economías dependentes, a galega entre elas, nun incremento do IPC e nunha mingua do crecimento económico.


A OPEP (Organización de Países Exportadores de Petróleo) é un cartel que produce por volta dun terzo do petróleo mundial. Por vez primeira desde 2008, o pasado mes de setembro, acordou reducir a súa capacidade extractiva. A tesourada será da orde de 1,2 millóns de barrís. Países non membros do cartel, entre eles Rusia, acordaron unirse a esta estratexia e reducirán por volta de 558 mil barrís diarios. En total, 1,7 millóns menos ao día.

O impacto na cotización do barril brent non se deixou esperar: pasou dos 46 dólares aos que se vendía o pasado mes de novembro aos 56 aos que se podía adquirir no mercado a pasada sexta feira.

A alza do petróleo resultará no ascenso dos prezos dos combustíbeis e, consecuentemente, ralentizará a marcha da economía nos países dependentes, entre eles a Galiza.

A OPEP fórmana 14 estados membros. Entre eles áchase un país lusófono, Angola, que en agosto pasado desprazou Nixeria como o principal produtor de petróleo africano, con 1,7 millóns de barril/día. Angola é neste momento o principal fornecedor de cru de China, por diante de Arabia Saudita e Rusia.