Escotet sobre Novagalicia Banco: "Era un banco escarallado e agora pode correr unha maratón"

Escotet sobre Novagalicia Banco: "Era un banco escarallado e agora pode correr unha maratón"

Abanca obtivo en 2016 uns beneficios superiores aos 333 millóns de euros. A entidade financeira obtivo beneficios por máis de 1.800 millóns de euros desde a compra de Novacaixa Galicia (NCG), vendida por mil millóns. 


Abanca obtivo en 2016 un beneficio neto de 333.600.000 euros, unha cifra que supón un incremento do 1,1% a respecto do exercicio anterior, 2015, un ano no que estes foran de 330 millóns. Esta entidade obtivo as súas maiores ganancias no seu primeiro ano de actividade coa marca Abanca, 2014: beneficios por algo máis de 600 millóns de euros que se elevaron a 1.157 millóns pola activación dos créditos fiscais. Así pois, a entidade  logrou, nestes tres anos, uns beneficios que superan os 1.800 millóns de euros. Juan Carlos Escotet e o seu banco Banesco compraran en decembro de 2013 Novacaixagalicia (NCG) por apenas mil millóns de euros. Esta cuarta feira, Escotet, preguntado sobre se esa compra lle parecera barata, afirmou que ""era un banco escarallado". "Era un doente en terapia intensiva e agora está en condicións de correr a maratón de Nova York"

A entidade resultante da fusión das caixas galegas fora saneada mediante a inxección de cartos públicos, por volta duns 9.000 millóns de euros, se ben hai estudios e informes que elevan considerabelmente esta cantidade.

Recentemente, Abanca informaba de que viña de abonar anticipadamente ao Fondo de reestruturación ordenada bancaria (Frob) os 300 millóns de euros correspondentes ao último prazo dos pagamentos establecidos no contrato de compravenda de NCG.

En abril de 2015 o consello de administración de Abanca acordou o seu primeiro reparto de dividendos entre os accionistas, uns 316 millóns de euros. O maioritario é Escotet, que posúe o 80% das accións. 



x