Aumenta a preocupación dos traballadores de Ferroatlántica após a xuntanza co conselleiro

Aumenta a preocupación dos traballadores de Ferroatlántica após a xuntanza co conselleiro

Afirman que Francisco Conde estivo “esquivo” sobre a segregación de actividades. O titular de Economía di que “a situación persoal de Villar Mir” [imputado polo financiamento irregular do PP] non afecta ao expediente. 


A xuntanza co conselleiro de Economía e Industria non fixo senón acrecentar a preocupación e a inquietude do comité de empresa de Ferroatlántica, a empresa para a cal a súa dirección solicitou oficialmente a segregación de actividades para así poder vender as hidroeléctricas da Costa da Morte. Unha operación que ten a oposición dos traballadores das factorías, veciñanza e alcaldes da comarca. A reunión, de feito, fora solicitada polos representantes dos traballadores para coñecer polo miúdo a petición do grupo Villar Mir e a posición da Xunta, que é quen ten a última palabra sobre a segregación.

Porén, as explicacións do conselleiro semella que non tranquilizaron os traballadores, que afirmaron que viron a Conde “esquivo” a respecto do papel da Xunta. De aí a “preocupación” e “inquietude”  pois, insisten, a desagregación abre as portas ao desmantelamento da comarca. Foi “reacio” a se poñer “a carón dos traballadores” e os operarios anuncian que manteñen en pé a posibilidade de convocar accións e mobilizacións contra a venda das centrais.

O conselleiro, de por parte, afirmou que a decisión basearase en “cumprir a lei” e no interese social “centrado no emprego”. Preguntado pola imputación de Villar Mir no financiamento ilegal do PP, Francisco Conde desvinculou esa situación do expediente de Ferroatlántica. Para os traballadores, porén, a empresa está a actuar de “forma mafiosa” a respecto das hidráulicas.



x