O BCE REDUCE O PROGRAMA DE COMPRA DE TÍTULOS

O aumento da inflación en Alemaña dispara os tipos de xuro da débeda portuguesa

O aumento da inflación en Alemaña dispara os tipos de xuro da débeda portuguesa
Sede do BCE
Sede do BCE  

A alza de prezos na economía máis potente da zona euro ten un efeito rebote en Portugal. Se a inflación aumenta en Alemaña, o BCE deixa de imprimir tantos euros e países como Portugal atopan máis dificuldades para colocar os seus títulos entre os investidores privados. Os xuros dos bonos lusos a 10 anos están xa en 4 por cento, face o 0,27 alemán e o 1,45 español.


Se os prezos aumentan en Alemaña, o BCE toma nota e reduce a compra de títulos (para enfriar a economía). Esa é a lóxica. Como consecuencia, os bonos dos países máis débiles dispáranse, porque teñen que recorrer en maior medida a investidores privados, ou sexa, aos bancos. O principal pagano da situación está a ser Portugal. O seu bono a 10 anos alcanzou xa un patamar tan elevado como o 4 por cento. A máquina de imprimir euros vai tomar probabelmente unhas ferias -dado o pavor que produce no gabinete Merkel a máis mínima elevación do nível dos prezos- e iso vai encarecer o financiamento para Lisboa.

Todo comezou esta terza feira cando se coñeceu a súbita alza dos prezos en Alemaña. A inflación pasaba en apenas un mes, de novembro a decembro, de 0,7 a 1,7 por cento. Os analistas atribuíron o ascenso, moi forte en termos relativos, ao encarecimento dos combustíbeis. E, de facto, o prezo do barril de petróleo aumentou nas últimas semanas o 12,6 por cento. Non só está a aumentar o IPC na Alemaña, tamén o fixo no promedio da zona euro (até se situar en 1,5 por cento) e tamén no Estado español (idéntica cifra de 1,5 por cento).

Todo comezou esta terza feira cando se coñeceu a súbita alza dos prezos en Alemaña. A inflación pasaba en apenas un mes, de novembro a decembro, de 0,7 a 1,7 por cento

Desde que o 8 de decembro o consello de gobernadores do BCE resolveu reducir o volume de compras da débeda pública -de adquirir títulos por valor de 80 mil millóns de euros ao mes pasará a o facer por apenas 60 mil-, o valor dos xuros dos bonos lusos a 10 anos aumentou en cuase o 0,5 por cento, mentres que esa cifra no estado español apenas chegou ao 0,08 por cento, en Italia ao 0,068 e en Irlanda ao 0,27.

En todo caso, a alza dos bonos convértese nun excelente negocio para a banca privada, que accede a diñeiro do BCE a un tipo do xuro de 0 por cento e logo pode, por exemplo, mercar títulos en Portugal que lle dan unha rentabilidade de 4 por cento.