O aumento do IPC provoca a perda de poder adquisitivo de salarios e pensións

O aumento do IPC provoca a perda de poder adquisitivo de salarios e pensións

Os prezos disparáronse a finais deste 2016 cun aumento en decembro, en taxa inter-anual, de 0,8 por cento. A consecuencia, a devaluación relativa de pensións e salarios. O IPC estaría neste momento en 1,5 por cento, no conxunto do Estado. A Moncloa acaba de subir as pensións para o 2017 só en 0,25 por cento.


O INE (Instituto Nacional de Estadística) atribúe o reagromar da inflación no Estado ao aumento dos prezos dos combustíbeis (gas e petróleo). O barril brent cotizouse este mes de decembro nos 57 dólares o barril, 9 máis dos que rexistaba no mes de novembro. A decisión da OPEP de fechar un chisco a billa da produción estaría na orixe deste aumento.

En decembro o IPC aumentou en 0,6 por cento a respeito de novembro e en 0,8 por cento en termos inter-anuais, o que situaría a taxa en 1,5 por cento.

Os prezos comezaron a experimentar unha tendencia alcista a partir do mes de setembro, en que rexistaron un aumento de 0,2. Até ese momento estaban en números negativos, dado o baixo nível da demanda interna. É un factor exóxeno -o dos combustíbeis- o que estaría a provocar agora o retorno do fantasma da inflación.

De se fechar nestes números o exercicio -até xaneiro o INE non terá os resultados definitivos da súa pesquisa-, 2016 será o máis inflacionario dos últimos catro: en 2013 os prezos subiron apenas o 0,3 por cento, en 2014 houbo deflación (queda dos prezos en 1 por cento) e en 2015, situación de equilibrio, isto é, os prezos ficaron en 0 por cento.

O último dado galego disponíbel -de novembro- colocaba Galiza entre as comunidades autónomas máis inflacionarias, con 1,1 por cento de incremento no que ía de ano, só superada por Asturias (1,2 por cento).

Perda de poder adquisitivo

En resumo, no conxunto do Estado soben os prezos o 1,5 por cento e fano por enriba de salarios e pensións, o que loxicamente leva aparellada unha perda do poder adquisitivo das grandes maiorías sociais.

Destarte, en 2016 o promedio de incremento dos salarios, de acordo cos convenios de ámbito estatal, estivo en 1,08 por cento, en tanto que no caso das funcionarias e dos funcionarios apenas alcanzou o patamar de 1 por cento. As pensións só aumentaron en 0,25. En todos os casos, por debaixo do medre do IPC.

A tónica vaise manter en 2017, sendo que esta sexta feira o Consello de Ministros aprobou para 2017 un aumento das pensións tamén de 0,25 por cento. Todo indica que non só non se recuperará o poder adquisitivo perdido en 2016, senón que aínda en 2017 as pensións tamén sofrerán un proceso de devaluación.

Inflación media

En todo caso, meios próximos ao pensamento económico ortodoxo, como o Cinco Días, tentaron esta sexta feira persuadir o público de que o aumento do IPC non resultará na merma do poder adquisitivo das maiorías sociais. O dado ao que se aferran é que a inflación media -a que non ten en conta os prezos enerxéticos ou os produtos alimentarios non elaborados- é de -0,2 por cento en termos inter-anuais.



x