JUAN MARI OLLORA OTXOA

“O autogoberno non se concibe sen benestar para a cidadanía, e iso implica ter un sistema de financiamento propio”

“O autogoberno non se concibe sen benestar para a cidadanía, e iso implica ter un sistema de financiamento propio”

Político e economista vasco, foi un dos partícipes na negociación do cupo de Euskadi. Vai estar en Galiza este sábado para tomar parte no debate ‘Novo modelo de financiamento para Galiza’ que organiza a Fundación Galiza Sempre.


A Fundación Galiza Sempre organiza este sábado, día 11, un debate sobre un novo modelo de financiamento para Galiza. Será na Facultade de Ciencias Políticas da USC e no mesmo interverán Xosé Díaz, Juan Fernández Caínzos e Juan Mari Ollora Otxoa. María do Carmo García Negro moderará o debate. Conversamos con Juan Mari Ollora Otxoa de Aspuru (Gasteiz, 1949), economista que ocupou diversos cargos internos e postos de responsabilidade pública no PNV, sendo unha das persoas que participou na negociación do concerto vasco.

- O debate sobre o financiamento volve estar sobre a mesa. En Galiza nestas semanas coñecéronse cales eran as posturas e propostas das diferentes formacións parlamentares ao respecto. En concreto, desde o nacionalismo apuntouse a un modelo similar ao vasco, defendendo para Galiza un cupo galego.

- O cupo vasco ten tres características. A primeira é que practicamente é responsábel absoluto da totalidade da recadación. É un sistema que opera sobre todos os impostos. Ou sexa, que os cidadáns galegos pagarían a practica totalidade de todos os impostos á administración galega. A segunda características implicaría que Galiza, como comunidade e como estatus económico, contribuiría ás cargas xerais do estado por aquilo que o estado fai no canto da comunidade. Esta ten unhas competencias transferidas mais outras non. No seu caso, tamén contribuiría á solidariedade interterritorial do estado español.

Mais este modelo ten tamén unha terceira característica, que non sempre se resalta. Que se as cousas van mal, quer dicir, se hai crises, baixada nas recadacións...hai que esquecerse da axuda do estado. É un modelo de risco unilateral. Por dicilo cun exemplo claro: a crise económica xerou unha baixada na recadación. As comunidades viron reducidas significativamente a parte de ingresos que recibían do estado, e isto en bastantes territorios e gobernos deses territorios xerou unha situación de déficit ou de quebra. O goberno español implementa entón o Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) e o Fondo de facilidades financeiras, que nestes últimos anos xestionou 99.000 millóns de euros. Ben, pois con este modelo Galiza non podería pedir nin un euro a ese fondo.

- Ora ben, Galiza xestionaría por si propia os seus recursos, ela decidiría sobre eles.

- No fondo de todo este debate o que se revela é que non hai un mínimo autogoberno político se non existe unha capacidade de  autogoberno financeiro...

Efectivamente. Un nacionalista non concibe un autogoberno sen dous elementos: a posibilidade de decidir que nivel de benestar ou desenvolvemento poden ter os cidadáns e a capacidade para fixar uns impostos que lle permitan avanzar cara ese modelo de benestar. É dicir, capacidade financeira propia.

- Moitos aspectos da Euskadi actual non se poden entender sen unha ferramenta como a do cupo...

O modelo que temos é máis amplo que o cupo. A administración vasca controla todo o proceso de xestión normativa dun imposto, da recadación do imposto, iso é complexo pero moi importante. Termos un modelo de suficiencia. No 1981, cando adoptamos este modelo, en Euskadi caera todo o modelo industrial que tiñamos: crise bestial da siderurxia, cáesenos toda a industria pesada... E somos conscientes de que se non tivésemos un concerto económico vasco, co volume de recursos que inxectamos, non poderiamos saír adiante.

E aquí hai outro aspecto a ter en conta, que pode non ser agradábel, mais que o nacionalismo vasco apostou nel e asumiu a responsabilidade: o rexeitamento entre a cidadanía que podes xerar ao ser ti quen recada os impostos, facer de cobrador. E naqueles tempos! Mais iso ten outro lado da moeda: na medida en que fas unha xestión eficaz e correcta, centrada no teu país, reforzas o autogoberno, ofreces uns servizos públicos e un benestar, e  a xente está disposta a pagar impostos para iso.

- O ‘concerto’ e o ‘cupo’ vascos volveron hai uns meses estar no albo de certo discurso que retomou as acusacións de “insolidario”e “privvilexiado”..

Desde que se estableceu o concerto aprobáronse seis leis de cupo no Congreso dos Deputados, con gobernos diferentes, quer do PSOE ou do PP. Este ‘rum rum’ é recorrente, agora activado por Ciudadanos, un partido que en Euskadi non ten apoio algún. Ese debate a nós non nos dá medo nin lle queremos escapar. Se en España o queren formular, que o fagan.  Mais é obvio que o grao de desigualdade nos niveis de desenvolvemento que se producen nos territorios do estado español non se arranxa suprimindo o cupo. E nese debate habería que falar de moitas máis cousas: como que pasou naqueles territorios que levaron inxentes cantidades da Unión Europea e os niveis de desenvolvemento non aumentaron. Algunha responsabilidade terán os seus gobernos, non será cousa que se achaque ao cupo vasco, non é?

- O discurso de ‘café para todos’ fai parte estrutural do estado tamén á hora de tratar o modelo de financiamento dos territorios.

- Cada territorio debería dotarse do grao de autonomía na xestión dos seus recursos que sexa quen de asumir. A pregunta é: todas as comunidades no estado están dispostas politicamente a ir a un modelo como o noso, onde se veñen mal dadas, por dicilo así, temos que comérnolo con patacas? Nós non temos dúbida mais non todos están nese modelo de reflexión. O cambio de modelo de financiamento vai ligado ao cambio do enfoque político de como se debe tratar as nacionalidades no estado español. E iso son palabras maiores.

- Por que son palabras maiores?

- Porque coa dereita gobernando non vexo capacidade de transformación, non vexo posibilidades de ir a unha concreción plurinacional do estado.

- Que consellos daría coa experiencia de negociación do concetro vasco aq uen procure un modelo de financiamento propio para Galiza?

- Nós tivemos moi claro as claves político-económicas, que despois darían lugar ao encaixe técnico. Eu non me permito dar un consello, mais de dar un sería o de que tivesen claro os basamentos políticos e económicos do modelo que queren. Asumir a xestión de todos os impostos e a responsabilidade, tendo claro que Madrid non axuda.

 

 



x