XOSÉ DÍAZ DÍAZ

“As balanzas fiscais fornecen a idea dun Estado benefactor e unha Galiza subsidiada”

“As balanzas fiscais fornecen a idea dun Estado benefactor e unha Galiza subsidiada”

Sermos Galiza publica o libro As contas que nos contan, un estudo do economista Xosé Díaz sobre as balanzas fiscais e o seu papel como ferramentas para xustificar un estado español recentralizado. Conversamos co autor.


O libro As contas que nos contan, de Xosé Díaz Díaz (Ferrol, 1944) e editado por Sermos Galiza, vai ser presentado esta terza feira 29 de novembro en Ferrol. Un traballo no que se analiza polo miudo a realidade das balanzas fiscais no Estado español e o seu papel como ferramenta ao servizo dunha ideoloxía recentralizadora. 

- Déixao ben claro na propia capa do libro, 'As contas que nos contan. Balanzas fiscais, unha ferramenta ao servizo da recentralización'.

- A economía non pode reducirse ás balanzas fiscais, hai moitas máis, como as comerciais, as económicas ou as enerxéticas. O que non ten sentido é pretender basear somentes nas balanzas fiscais todo o contido económico, pretender que unha parte explique o todo.

Xose DiazE iso non é inocente, senón que o que se procura é fundamentar a necesidade do Estado español tal e como está. A idea que subxace é a de que o Estado é un fornecedor, un benefactor de Galiza, unha Galiza que nos presentan como subsidiaria, que non se vale por si propia. Nese marco, a demanda de soberanía para Galiza sería absurda, de parvos, pois non imos a ningún lado sós, non nos valemos por nós mesmos, precisamos do Estado español.

Dicir que Madrid ou Catalunya están a financiar outras autonomías, como Galiza, é unha parvada que non obedece a un mínimo exame lóxico

- Mais por que se asume entón e sen apenas críticas o criterio das balanzas fiscais, por que non hai un disenso maior se tanto nos prexudican?

- A esquerda española non vai disentir porque vai defender o Estado, non creo que teñan o mínimo interese en que o pobo galego tome conciencia desta situación, de que aumente a súa conciencia nacional. Dar por boas as balanzas fiscais para explicar todo o fluxo de relacións entre Galiza e o estado é unha perversión intelectual. Repito, o fundamento de quen defende esta ferramenta é ideolóxico, o de xustificar o Estado español, e iso é algo no que se unen todas as forzas españolas, de dereita a esquerda.

Máis me abraia que nas universidades galegas non se estuden a fondo este tipo de temas, non se analicen nin debatan estas cuestións. Semella que non hai preocupación polos temas de políticas públicas. Eu levo desde o 2000 escribindo e estudando sobre estas cuestións, en parte por necesidade, pois presidía a Comisión de Economía do Parlamento galego e era daquela que se estaba a negociar o sistema de financiamento e tiña ganas de estudar e coñecer ben toda a problemática.

- O modelo de financiamento, que volve estar agora de plena actualidade...

- Volve, como o tema do endebedamento. Con Núñez Feijóo disparouse, duplicouse baixo o seu goberno, el que tanto fala de austeridade e de reiterar que non se pode gastar máis do que se ten. Ora ben, eu non vexo un problema en endebedarse o 19% do PIB, que é o que ten Galiza agora. Na sacrosanta Unión Europea o pacto de estabilidade sitúa o máximo de endebedamento nun 60%. Mais Feijóo presume dunha cousa e fai outra.

Nas bases fiscais o estado é como se se baleirase e faise del un 'repartidor universal' cara ás comunidades autónomas. Cuestións como Defensa, por exemplo, que están na capital do Estado repártense entre todos, e Madrid aparece como a autonomía máis solidaria do Estado, 'regalando' 10.000 millóns de euros ás outras comunidades. Iso non é así, non se sostén. Dicir que Madrid ou Catalunya están a financiar outras autonomías, como Galiza, é unha parvada que non obedece a un mínimo exame lóxico.

O problema que queren tapar é o de como se financia o Estado español

- Falaba antes de que non se podía reducir todo ás balanzas fiscais, que había máis criterios: comerciais, enerxéticos, etc... Ben, de ter todos en conta, sería moi diferente a fotografía da relación Galiza / Estado da que nos dá a das balanzas fiscais?

- O problema que queren tapar é o de como se financia o Estado español. Eu creo que os problemas de Galiza derivan en grande medida das políticas que se adoptan no Estado. Isto non é casualidade, hai que ter en conta a posición subordinada de Galiza a respecto do Estado e a Unión Europea. Non temos instrumentos de abondo para facer un modelo acaído aos nosos intereses e necesidades. E mentres non podamos facer iso, non avanzamos.

A diferenza entre créditos e depósitos era en Galiza no primeiro trimestre deste ano de máis de 15.000 millóns de euros. Estamos a falar de que o sistema financeiro expulsa de Galiza 15.000 millóns de euros para Madrid e o resto do estado, para fornecer créditos alí. Que poderiamos facer con eses cartos aquí? Non esquezamos que é o duplo do que o orzamento da Xunta para 2017.

Outra cuestión a ter en conta, en Galiza hai máis de 4.000 empresas, entre elas importantes compañías enerxéticas, extractivas..., que non tributan aquí. E iso afecta o noso PIB, mínguao. Aí están as eléctricas, que fan negocio a conta do que teñen aquí mais os beneficios lévanos fóra, e tributan fóra.

Con todo isto, o que quero dicir é que esa fotografía de Galiza, cando se poñen todos os balances riba da mesa, sería positiva para Galiza, mesmo estando nunha situación como a actual, de subordinación.

- A idea de Galiza como un territorio subsidiado foi combatida e refutada polo rexionalismo, despois polo galeguismo e posteriormente polo nacionalismo. Este libro enmárcase nesa liña de presentar argumentos contra esa visión de 'subsidiada'?

- Xa nos precursores, nos provincialistas atopamos esa postura. Na revolución de 1846 Antolín Faraldo falaba xa por unha Galiza que non fose “colonia da Corte”. Nas Irmadades da Fala, en 1918, xa se asume a idea dun sistema de concerto. E Alexandre Bóveda estudou todo isto a fondo, polo miúdo e demostrou de forma moi clara esa idea de que a onde iría Galiza sen o estado español, que se vivimos é grazas a eles...

Mais esa postura de refutar esa idea de pobo subsidiado atopámolo tamén en persoas que non son nacionalistas. Eu lembrou no tardofranquismo, un escrito do presidente da Cámara de Comercio da Coruña dicindo que tiña moi claro que Galiza tiña reservado o papel de suministradora de produtos e bens ao resto do estado, criticando a usurpación de aforros, a emigración... Se o pensamos ben, hoxe continuamos máis ou menos nas mesmas. Ou, en certos aspectos, peor, pois por non ter xa non temos nin sistema financeiro propio.