O Banco de España dá por perdidos 8 de cada 10 euros destinados a resgatar a banca

O Banco de España dá por perdidos 8 de cada 10 euros destinados a resgatar a banca
Banco de España (Madrid)
Banco de España (Madrid)  SG

Cifra en 77.000 millóns de euros o diñeiro destinado a salvar a banca e asume que 60.000 millóns non se recuperarán.


Case 8 de cada 10 euros de diñeiro público que durante estes anos se destinaron a salvar a banca non se van recuperar. A letanía de que o rescate das entidades financeiras non ía custar nin un só euro de cartos públicos, discurso partillado por PSOE e PP cando gobernaron, bate de fociños co informe que acaba de presentar o Banco de España, 'Informe sobre a crise financeira e bancaria en España, 2008-2014’. Neste documento danse por perdidos por volta de 60.000 millóns de euros que foron inxectados nas entidades financeiras.

 

No estudio, o Banco de España cifra en 64.089 millóns de euros as axudas públicas e privadas inxectadas en 14 caixas e bancos. Unha cifra que outros economistas e avalistas elevan considerabelmente. A eses 64 mil millóns hai que engadir 10.400 millóns en EPA (esquema de protección de activos), pero de 2.000 millóns en garantías. Ou sexa, en total, 76.400 millóns.

 

Desa cantidade recuperáronse pouco máis de 4.000 millóns de euros, apenas 5,4% do total.  O organismo dirixido por Luís María Linde calcula en 12 mil millóns o importa adicional recuperábel, polo que o resto dáo por perdido. De ser isto así, só se recuperaría 22% do total inxectado na banca. Porén, para o Banco de España isto é un mal menor pois no documento insiste en que o resgate da banca evitou o peor dos escenarios, que levaría á bancarrota de moitas entidades financeiras e importantes perdas para clientes.

 

O informe do Banco de España non fai unha mínima autocrítica. Nas súas perto de 250 páxinas bota balóns fóra, como a falla de instrumentos supervisores ou que ninguén organismo internacional prevese a segunda recesión de 2011



x